Falece Celia Teixeiro aos 96 anos de idade

A Real Academia Galega (RAG) expresou a súa tristeza polo falecemento de Teixeiro, viúva do protagonista do Día das Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán.
Delgado Gurriarán e Celia Teixeiro. (Foto: Arquivo familiar da familia de Florencio Delgado Gurriarán).
photo_camera Delgado Gurriarán e Celia Teixeiro. (Foto: Arquivo familiar da familia de Florencio Delgado Gurriarán).

Esta segunda feira tívose coñecemento do pasamento de Celia Teixeiro aos 96 anos de idade.

A Real Academia Galega (RAG) expresou a súa tristeza polo falecemento de Teixeiro nunha nota de prensa remitida a Nós Diario. Nela manifestan "o seu pesar polo pasamento de Celia Teixeiro, viúva do protagonista do Día das Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán". 

De orixe galega, Celia Teixeiro naceu en Cuernavaca (México). Sendo moi pequena, trasladouse á cidade dos seus proxenitores, pero en 1939 a familia volveu establecerse á outra beira de Atlántico.

"Coñeceu Florencio Delgado Gurriarán en Cidade de México, mentres traballaba na zapatería dun tío seu e o escritor e activista cultural se gañaba a vida como representante dunha casa de zapatos", segundo indica a RAG.

Homenaxe a Gurriarán

Coincidindo co falecemento de Celia Teixeiro, esta segunda feira inaugurouse na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés a mostra itinerante Compromiso na distancia, dedicada a Florencio Delgado Gurriarán.

A exposición fai a súa terceira parada na Coruña para percorrer a vida e obra do autor con fotografías orixinais do arquivo familiar, en branco e negro modificas con técnicas de coloración dixital, e cun texto central e documentación de Héctor Cajaraville, con pezas baseadas no libro publicado por Xerais Florencio Delgado Gurriarán.

Após esta parada, a mostra, que poderá verse na Coruña até o 9 de xullo, seguirá a súa itinerancia ao longo do ano por varios centros da Rede de Bibliotecas Públicas da Galiza e dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, concretamente por Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova.

Comentarios