domingo 07.06.2020
Cultura

Falece o cantautor Luis Eduardo Aute

O músico, director de cinema, actor, escultor, escritor, pintor e poeta Luis Eduardo Aute faleceu este sábado con 76 anos.
Luis Eduardo Aute (arquivo/EP).
Luis Eduardo Aute (arquivo/EP).

O cantautor LuIs Eduardo Aute faleceu este sábado aos 76 anos de idade, segundo confirmaron desde a SGAE.

O artista foi un dos principais referentes da canción de autor en todo o Estado. Ademais de músico, Aute era director de cinema, actor, escultor, escritor, pintor e poeta

Nado en Manila (Filipinas) en 1943, regresou coa súa familia a España en 1954 para instalarse en Madrid. O seu pai regaloulle a súa primeira guitarra e actuou varias veces en funcións do colexio ao mesmo tempo que comezaba a pintar.

De feito, expuxo por primeira vez a súa obra pictórica en 1960, ao mesmo tempo que desenvolvía unha incipiente carreira musical en grupos diversos como Los Sonor, sen esquecerse nunca tampouco da escritura e o cinema, disciplina na que tamén facía os seus primeiros intentos.

Nos anos sesenta viviu o París da liberdade cultural e, tras coñecer fortuitamente a Massiel, escribiu as súas primeiras cancións: Don Ramón, Made in Spain, Rojo sobre negro, Aleluya nº1 e Rosas en el mar. Varias delas gravounas a propia Massiel con gran éxito.

Animouse finalmente a gravar Aute as súas propias cancións cun single con Made in Spain e Don Ramón en 1967. Empezaba así unha carreira musical cunha trintena de discos, sendo o último deles El niño que miraba al mar en 2012.

Foi premiado por unha curta no Festival de Cinema de San Sebastián, escribiu guións, publicou poemarios e revistas, deseñou portadas de discos, compuxo bandas sonoras. Abandonou a industria musical decepcionado, pero regresou nos setenta coa condición de ter liberdade total.

En 1978 gravou Albanta, disco que inclúe a súa canción máis popular, Al alba, dedicado ás vítimas dos últimos fusilamentos do franquismo pero que con todo conseguiu burlar a censura da época. E puxo música á obra teatral Cinco horas con Mario, baseada na novela de Miguel Delibes.

En 1983, en dúas funcións, gravouse no teatro Salamanca de Madrid o disco en directo Entre amigos, no que lle acompañan Teddy Bautista, Pablo Milanés, Silvio Rodríguez e Joan Manuel Serrat. Este novo traballo sería Premio Nacional do Disco 1983 do Ministerio de Cultura.

No ano 2000 publicouse ¡Mira que eres canalla Aute!, un disco homenaxe no que versionan as súas cancións artistas como Pedro Guerra, Ana Belén e Víctor Manuel, Rosendo, José Mercé, Jorge Drexler, Joan Manuel Serrat, Joaquín Sabina, León Gieco ou Fito Páez.

En 2001, tras cinco anos de traballo, deu a luz a súa película de longa duración Un perro llamado dolor, un proxecto de animación para o que realizou máis de catro mil debuxos a lapis. O filme publicouse en formato DVD acompañado dun disco coa banda sonora, composta polo propio Aute, Silvio Rodríguez, Suso Sáiz e Moraíto Mozo.

Mentres estaba, como sempre, en permanente actividade creativa, sufriu un infarto en 2016 tras un concerto e acabou entrando en coma. En 2018 tivo lugar un concerto homenaxe en Madrid con Silvio Rodríguez, Joaquín Sabina, Joan Manuel Serrat, Ana Belén, Massiel, Víctor Manuel, Jorge Drexler, Ismael Serrano, Luís Pastor ou Rosa León.

En 2019, do mesmo xeito que ocorreu en Madrid, celebrouse outro concerto de homenaxe en Barcelona con, entre outros, Paco Ibáñez, Quico Pi de la Serra, Maria del Mar Bonet, Marina Rossell, Sisa, Roger Mas, Los Tambores De Calanda, Estopa, Quique González ou Javier Gurruchaga.

comentarios