Falece a autora e xornalista valenciana Isabel-Clara Simó, Escritora Galega Universal 2018

A escritora Isabel Clara-Simó faleceu na mañá desta segunda feira aos 76 anos de idade en Alcoi, a súa localidade natal. A propia autora recoñecera hai uns meses publicamente que padecía unha enfermidade dexenerativa.

isabel clara simó

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)  nomeou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, unha decisión que tomaba, afirmou daquela “desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans”. 

Isabel-Clara Simó era licenciada en filosofía e en xornalismo, e doutorada en Filoloxía Románica. Como xornalista dirixiu o semanario Canigó e colabora habitualmente en diversos medios de prensa escrita, radio e televisión. Foi delegada do Libro do Departamento de Cultura da Generalitat de Catalunya, profesora da Universitat Pompeu Fabra e vicepresidenta da Associació d'Escriptors en Llengua Catalana.

Da súa obra literaria destacan, entre moitas outras obras, És quan miro que hi veig clar (1979), Alcoi - Nova York (1985), Històries perverses (1992), Perfils cruels (1995), Dones (1997), Estimats homes (una caricatura) (2002), Angelets (2004), Amor meva (2010), Els invisibles (2013), ou Jonàs (2016)

Cabe destacar tamén o seu labor xornalístico, do que recolleu parte dos seus mellores artigos no volume En legítima defensa (2003); e a ensaística, con ensaios como Sobre el nacionalisme (2000) e Si em necessites, xiula (2005). Publicou máis de cincuenta títulos pertencentes a diversos xéneros: novela, narrativa breve, narrativa xuvenil, teatro, poesía, guións radiofónicos e televisivos, ensaio, memorias, etc. Foi galardoada co Premio Sant Jordi, o Premio da Crítica Serra d'Or, o Premio de Honor das Lletres Catalanes, entre moitos outros. Desde o 2016 é a decana da Institució de les Lletres Catalanes.

Con reedicións constantes da súa obra e traducións a diversos idiomas, entre elas ao galego (Raquel e Xoel), Isabel-Clara Simó é unha das figuras máis populares da literatura actual en lingua catalá.

Comentarios