Falece o artista Xaime Cabanas, pintor bravú e atlántico

Con sesenta anos e unha longa traxectoria na arte na que se iniciou nos anos setenta, o pintor Xaime Cabanas morreu na Coruña, a cidade que foi escenario de boa parte da súa irreverencia artística e vital, desde a Galga até o GrupOrzán, no máis xenuino espíritu bravú. O seu é un dos nomes iniciais de Atlántica. 

Xaime Cabanas (web Canal Deportivo)
photo_camera Xaime Cabanas (web Canal Deportivo)

 

O seu é un dos nomes iniciais, o primeiro da listaxe, que compoñen o grupo de artista das primeiras exposicións do Grupo Atlántica. Cabanas aínda non tiña entón nin trinta anos. Nacera na Coruña en 1953 e desde moi novo se destacaría pola súa particular personalidade, irreverente e libertaria que o facía partillar de propostas colectivas máis tamén defender como poucos unha independencia da que se gabou durante toda a vida. "É un bohemio á antiga usanza, aínda non sabemos si o último, como si a rúa da Torre fora unha prolongación de Montparnasse", comentan no Canal Deportivo, nunha entrevista na que visten ao artista coa equipación do clube e defíneno como "O Luis Suáre da pintura galega". 

De formación autodidacta, como a maior parte de artistas da súa xeración, xa desde os anos setenta o seu nome agroma na revolta cultural que se adiviña na cidade da Coruña. A Sisga, A Carón e A Galga, nomes case míticos de entusiasmo de vangarda e unha forma especial de vivir de maneira alternativa, asoman na primeira etapa da súa biografía artística, grupos nos que participa con outros creadores para construír o grupo da Coruña que, con Mon Vasco á cabeza, acabarían desenvocando en Atlántica, onde se xuntarían co grupo de Vigo, con Guillermo Monroy como un dos seus líderes. 

Espíritu Bravú

Nese mesmo 1980, unha bolsa do Ministerio de Cultura permítelle expoñer no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, no mesmo ano no que en Baiona se iniciará a andaina dunha Atlántica que quedará como marca imborrábel de cada un dos artistas que participen nas súas exposicións. Na sguinte, a que terá lugar en Vigo, na Casa das Artes, o nome de Cabanas tamén aparecerá, mália abandoar posteriormente a súa participación nas iniciativas do grupo, regresando a súa traxectoria creativa e tamén á súa cidade de nacimento, onde participaría do GrupOrzán. 

Como moitos dos seus compañeiros de xeración e de propostas creativas, a obra de Cabanas dirixirase polos vieiros do expresionismo americano de camiño a un conceptualismo abstracto que non refuga, sen embargo, de botar man da figuración cando a obra o require. 

Con sesenta anos, Cabanas, como outros artistas da súa xeración, atopa un final temprano na súa cidade da Coruña, o espazo privilexiado para a súa traxectoria artística e a súa vida irreverente. O bravú recoñeceuno como o seu artista de cabeceira e poucos conceptos poden explicar mellor a súa maneira de estar no mundo. Bravú cunha forza creadora sen barreiras. 

Comentarios