Falece aos 79 anos o cantautor cubano Pablo Milanés

O artista, que se mudara a Vigo en 2014, residía actualmente en Madrid para ser tratado dunha enfermidade.
O artista Pablo Milanés. (Foto: Javier Salas)
photo_camera O artista Pablo Milanés. (Foto: Javier Salas)

O cantautor cubano Pablo Milanés faleceu na madrugada desta terza feira aos 79 anos en Madrid, logo de permanecer varios días hospitalizado por unha enfermidade oncohematolóxica, segundo informaron desde a súa oficina artística.

"Con gran dor e tristura, lamentamos informar de que o mestre Pablo Milanés faleceu esta madrugada do 22 de novembro en Madrid. Agradecemos profundamente todas as mostras de agarimo e apoio, a toda a súa familia e amigos, nestes momentos tan difíciles [...] Permanecerá eternamente na nosa memoria", esgrime un comunicado difundido na redes sociais do artista.

Milanés atopábase estábel e as infeccións que o levaron ao hospital empezáranlle a afectar nos últimos tres meses o seu estado de saúde, todo iso derivado da enfermidade que xa sufría desde había varios anos.

Precisamente, dita enfermidade esixiulle instalarse en Madrid a finais de 2017 —estaba afincado en Vigo desde 2014— para recibir un tratamento "inexistente" en Cuba, segundo afirmaron desde a súa oficina.

Tras a súa hospitalización, Milanés viuse obrigado a cancelar concertos previstos para as próximas semanas, entre os que estaba programado un en Pamplona, así como outros en Cidade de México ou Santo Domingo.

O artista, nado na cidade cubana de Bamayo o 24 de febreiro de 1943, foi gañador ao longo da súa traxectoria de dous premios Grammy Latinos (2006) e unha figura á Excelencia Musical (2015).

Algún dos seus grandes éxitos foron cancións de amor como Yolanda, El breve espacio ou Ámame como soy, todo iso conxugando xéneros e sonoridades que ían desde a tradición á modernidade, abarcando jazz, rumba, bolero ou son.

O presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, expresou as súas condolencias pola morte de Milanés, a través dunha mensaxe no seu perfil na rede social Twitter: "Desaparece fisicamente un dos nosos máis grandes músicos. Voz inseparábel da banda sonora da nosa xeración. As miñas condolencias á súa viúva e fillos, a Cuba".

Comentarios