Falece aos 58 anos o actor e escritor Lino Braxe

O escritor e actor Lino Braxe faleceu esta sexta feira, 25 de decembro, na cidade da Coruña, onde residía desde había anos.
Lino Braxe, nunha fotografía de 2008 (Imaxe: Santos Díez / Ollo de Vidro / AELG).
photo_camera Lino Braxe, nunha fotografía de 2008 (Imaxe: Santos Díez / Ollo de Vidro / AELG).

Segundo fixo público nas súas redes sociais a Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, á que Lino Braxe levaba ligado moitos anos e onde dirixía o grupo de teatro, o falecemento, que tivo lugar o 25 de decembro, mantén consternado "consternado" o colectivo.

Lino Braxe (Mugardos, 1962) foi un dos poetas máis destacados da denominada "Xeración dos 80". Autor dunha abondosa bibliografía, deuse a coñecer na antoloxía De amor e desamor, a carón doutros escritores do período como Pilar Pallarés ou Miguel Anxo Fernán-Vello. Asinou, entre outros, os volumes de poesía BanqueteEntre ruínasA caricia da serpeO sangue dos árabes ou O segredo namorado.

A súa última obra publicada foi O botín da miseria, que viu a luz en Everest Galicia en 2011.

Braxe, a carón do seu labor como escritor e comunicador, destacou na súa actividade como actor.  A súa presenza foi moi habitual en diferentes montaxes teatrais, así como en series de televisión. Destaca a súa participación en Mareas VivasPratos Combinados, A vida por diante ou Rías Baixas.

A súa traxectoria na escena comezou en 1985, coa Compañía Luís Seoane. Actuou en producións da Escola Dramática Galega, Centro Dramático Galego, Malbarate e outras.

Tamén foi locutor de RNE durante dez anos. Nese período de tempo adaptou para a radio a obra dramática completa de Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor.

Entre os recoñecementos que obtivo atópase o accésit do Premio Modesto R. Figueiredo en 1991, por Anatomías, o premio do Concurso de Teatro Breve d'O Facho en 1991, por A actriz, o accésit do Premio Esquío de poesía en 1996, por Árdora ou o accésit do Premio Miguel González Garcés en 2002, por O longo día acaba.

Foi finalista da XIII edición do Premio Miguel González Garcés en 2006, por Alaridos, accésit no Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas do 2007, por Baixo o sol de Mesina e mención de honra do Premio Estornela de Teatro para nenos no 2012, por O corazón do bosque.

Comentarios