Falece Antía Cal, mestra e referente da nova pedagoxía

Cal foi, durante o seu tempo como ensinante, un referente dunha nova pedagoxía que buscaba en modelos anovadores, incipientes en Europa, nunha época na que a escola estaba dominada polo franquismo.
Antía Cal, nunha imaxe do documental 'A palabra xusta', de Miguel Piñeiro.
photo_camera Antía Cal, nunha imaxe do documental 'A palabra xusta', de Miguel Piñeiro.

A pedagoga e ensinante Antía Cal (La Habana, 1923) faleceu en Meira, Moaña, esta cuarta feira, aos 98 anos.

Cal naceu na emigración. Regresou á Galiza con nove anos. Estabeleceuse en Vigo para estudar comercio, que era a vontade de seu pai. Tras a Guerra Civil finalizou estes estudos e fixo maxisterio. Na Universidade de Santiago de Compostela cursou Filosofía e Letras, para especializarse en xeografía e pedagoxía.

Como ensinante un referente da nova pedagoxía.

Ademais de ensinar, tratou sempre de completar a educación creando materiais didácticos dos que nace a enciclopedia 'O libro dos nenos' e o volume 'A arte e a súa historia, escritos en galego nos anos 50.

Escola Rosalía

Do encontro cos novos movementos pedagóxicos nace a Escola Rosalía de Castro que ela crea en Vigo, un centro laico, plural, diverso, democrática e conectada co mundo que a rodeaba.

A Rosalía resultou unha escola inserida no entorno social, comprometida coa reivindicación da realidade e a cultura galega, e en contacto estreito cos novos movementos de renovación pedagóxica, coma a Escola de Mestres Rosa Sensat de Cataluña, liderada por Marta Mata.

Antía Cal deixou a súa traxectoria escrita na súa autobiografía Este camiño que fixemos xuntos, un volume que mostra unha muller emprendedora, de grande amor ao país, á súa lingua e á súa cultura, exemplo de mestra que cre no poder e na necesidade dunha escola participativa e galega.

Recoñecementos

A renovación pedagóxica e o labor galeguizador foron os dous ámbitos da traxectoria de Antía Cal que a Fundación Otero Pedrayo valorou á hora de lle outorgar o Premio Trasalba en 2012.

En 2015 recibiu o Ernestina Otero polo seu traballo a prol da Igualdade. E en 2018 foi merecedora, a canda María Xosé Queizán, do Premio Otero Pedrayo.

Comentarios