Falece a actriz Pilar Pereira

Unha das caras máis coñecidas do cine, a televisión e o teatro galego morre aos 88 anos de idade. 
1449745650-resize_5a086445-02
photo_camera Pilar Pereira (Foto: AAAG).

A actriz Pilar Pereira falece aos 83 anos de idade. Coñecida popularmente polos seus papeis en televisión, concretamente en series como Mareas Vivas, Rías Baixas ou A Familia Pita, en 2013 foi distinguida co Premio Marisa Soto que entrega a A Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

A revista Erregueté fai un completo repaso pola súa traxectoria: Pilar Pereira entrou a traballar en 1953 na Cadena Ser de Santiago. Nos anos cincuenta participou en montaxes teatrais nas que se adaptaban textos contemporáneos de autores como Tennessee Williams, Samuel Beckett ou O’Neill. En 1958 formou parte do elenco de Antígona, a versión en galego traducida por Xosé Manuel Beiras, Franco Grande e Xosé Ramón Silva do texto de Jean Anouilh. A montaxe foi a primeira obra en galego do TEU de Santiago (Teatro Español Universitario) e tivo unha gran acollida. Posteriormente, participou en Os homes poden ser deuses, de Gallego Tato. A peza escribírase en galego, pero a censura obrigou a representala en castelán.

Nos sesenta, a actriz trasládase a Madrid. Alá vtraballa con diferenets compañías e coincidecon directores como Fernán-Gómez ou Edwar Füller. A súa etapa en Madrid pechouse coa súa entrada no grupo independente Los Goliardos, co que levou a escena Ceremonia por un negro asesinado, de Fernando Arrabal. O grupo viaxou coa obra a Francia e Pereira decidiu quedar en París.

Na capital francesa entra a formar parte do proxecto La Carraca, cuxo obxectivo era cubrir as necesidades culturais dos emigrantes hispanofalantes. Após Maio do 68, trasládase a Bélxica. Alí coñece a Jorge Bossa. Xunto con el mudarase a Colombia. En Bogotá abrirá unha gardería e traballará como directora e actriz da compañía La Teja. Xa en 1980 regresa a Madrid.

Pouco despois recibe a chamada desde Galiza de Maximino Fernández Queizán, quen prepara Así é se vos parece, de Pirandello, para o Centro Dramático. Durante os anos noventa participa en diversas producións do CDG como O incerto Señor don Hamlet ou Electra. Ademais, traballa ás ordes de Vidal Bolaño en pezas como Saxo Tenor, Doentes ou Días sen gloria.

Pereira tamén creou unha compañía que levaba o seu nome. En 1995, escribiu e protagonizou un aplaudido monólogo titulado Ofelia. Outras compañías coas que traballou foron Sarabela Teatro, en A esmorga en 1995; Compañía Marías en 1995 con A voda dos moiantes; Factoría Teatro, coa que levou a escena Tío Vania; Teatro do Atlántico, en Unha primavera para Aldara en 2008; ou Teatro do Morcego, en Kvecht.

Comentarios