Falece o actor e contacontos Pedro Brandariz

"Botarémoste en falta, Pedro. Sempre. Que a terra che sexa leve", lamentou a actriz Neves Rodríguez.
O actor Pedro Brandariz. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O actor Pedro Brandariz. (Foto: Nós Diario)

O actor e contacontos Pedro Brandariz faleceu no día de hoxe durante un pase de contacontos no CEIP A Igrexa-Calo (Teo), sen que se coñeza aínda a causa do seu pasamento.

Brandariz, coñecido polos seus monólogos humorísticos e espectáculos nas rúas e centros educativos, sentiuse mal no medio dunha sesión e desmaiouse. A pesar de que os docentes do centro educativo chamaron unha ambulancia, os servizos sanitarios xa non puideron facer nada pola súa vida.

O actor atopábase nestes días inmerso nunha xira por toda Galiza. A pasada semana, estivera no Luar da CRTVG, e hoxe mesmo tiña outra actuación no Casino da Coruña.

Até o lugar do pasamento desprazáronse efectivos da Garda Civil, que custodian o corpo de Pedro Brandariz até que chegue a médica forense.

Ampla experiencia nos escenarios galegos

Natural de San Pedro de Nós, no concello de Oleiros, Pedro Brandariz converteuse nun habitual dos escenarios galegos, tanto nos grandes teatros do país como en espectáculos de rúa e en centros educativos.

Asemade, era un colaborador da CRTVG, e participaba habitualmente no programa de Luar. O presentador, Xosé Ramón Gaioso, explicou na Radio Galega que estaba previsto que nesta sexta feira volvese participar.

Entre os seus espectáculos, destacan 'Os Poderes de Rosalía', 'Contos Choqueiras' e 'O Inventor das Palabras'.

Primeiras reaccións

Após coñecerse o pasamento do actor, comezaron a producirse as mostras de afecto e condolencias á familia de Brandariz. A primeira en facelo foi a deputada do BNG no Parlamento galego Olalla Rodil, quen afirmou estar "sobrecollida" pola noticia, e trasladou "unha fonda aperta" aos seus achegados.

Compañeiros de profesión como Roi Costa e Neves Rodríguez expuxeron a súa consternación polo falecemento. "Botarémoste en falta, Pedro. Sempre. Que a terra che sexa leve", lamentaba Rodríguez.

Tamén institucións e certames, como o do Festival de Cans, quixeron sumarse ao pesar colectivo pola morte de Brandariz. "Na última edición do festival estivo en Cans, presentando o avance das imaxes de 'Jacinto' de Javi Camino, da que foi protagonista", detallou a organización do festival.

Comentarios