O festival Sete Falares leva a antiga igrexa de Santa Clara a narración oral

O programa inclúe un roteiro por lugares emblemáticos de Pontevedra.
Quico Cadaval. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Quico Cadaval. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Pontevedra recupera unha das citas clásicas que anticipan a chegada do verán. Sete Falares acada a súa undécima edición como un dos eventos culturais e de ocio máis importantes da Boa Vila, coa palabra e a imaxinación como base para todo. Entre o sábado 3 e o domingo 11 de xuño, Pontevedra fará mergullo na narración de historias, na escoita e na aventura. 

De novo, o festival Sete Falares repetirá en Santa Clara como sede fundamental para o seu programa. A antiga igrexa do convento transformarase nun espazo único á hora de afinar a orella e atender aos mellores contadores e contadoras galegas e mesmo doutras partes do mundo. 

 

Abrirá o festival Quico Cadaval, o sábado 3, para dar paso a unha sucesión de funcións nas que estarán presentes Caxoto, Brais das Hortas, Ánxeles Goas, Carmen Conde, Adriano Reis, Pepito Mateo, Cristina Verbena, ou Victoria Siedleck. 

O sábado, ademais do programa habitual ao longo da semana, haberá un ciclo baixo o nome Rota de historias que partirá desde a igrexa e percorrerá lugares emblemáticos da cidade mentres se comparten historias da man de Adriano Reis, Cristina Verbena, Pepito Mateo, Quico Cadaval e Victoria Siedlecki. 

Para estes roteiro "falados", disporanse catro quendas (para catro grupos de sesenta persoas cada un) con saídas ás 22, 22.20, 22.40 e 23.00 horas. As invitacións poderán ser recollidas na Igrexa de Santa Clara de Pontevedra desde as 21.30 horas para todas as funcións. Todas as actividades incluídas no programa terán unha entrada de balde até completar a capacidade do recinto. 

Comentarios