Sete falares converte Pontevedra nunha cidade de conto

Cidade de conto, a terceira edición de Sete Falares converte Pontevedra na capital das historias. En prazas, rúas, debaixo a terra ou no quiosco de música, os relatos orais inundarán a cidade do Lérez os días 6, 7 e 8 de xuño. 

setefalares
photo_camera setefalares

Durante os días 6, 7 e 8 de xuño Pontevedra converterase na capital das historias coa terceira edición do encontro internacional de contadores de historias que organiza Pavís Pavós xunto con Concello de Pontevedra. 

En distintos espazos da cidade, desde o quiosco de música até debaixo da terra, en rúas e prazas, en teatros ou edificios singulares, o programa de Sete Falares traerá desde distintos puntos do mundo algúns dos nomes máis relevantes da historia oral para que deixen os seus contos na cidade. 

Cunha programación dirixida maiormente ao público adulto, con espectáculos nas noites, o encontro non esquece o ámbito infantil, a principal dedicación dos organizadores Pavís Pavós que iniciarán a sexta feira o programa ás 18 horas con “Historias da tía Valisneria” no Pazo de Mugartegui. Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez, os integrantes de Pavís Pavós, abrirán as xornadas dirixíndose ao público familiar para inaugurar a xeira de tres días de contares. 

De Uruguai a Guiné 

No Teatro Principal, o programa de adultos comezará ás 20.30 horas coa uruguaia-galega Soledad Felloza, gañadora este ano do concurso de narración oral “Cociña de Contos. Europa á carta” xunto con Àngelo Torres, natural da Guiné, criado en  São Tomé e Príncipe  e residente en Portugal.Mais a primeira xornada prolongarase até entrada a noite, co espectáculo de narración oral que protagonizarán ás 23 horas no Teatro Principal a lisboeta Ana Sofía Paiva, contadora e membro do Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa e da Cooperativa Memoria Imaterial e o actor e monologuista galego Avelino González. 

Pablísimo e as súas historias rebibirán ao público infantil o sábado 7 na Casa das Campás cos seus contos con monicreques, teas, instrumentos... e demais elementos cos que constrúe as súas historias mesturando o relato, o teatro, a animación á lectura ou a pantonima. Ás 12.30 tamén na Casa das Campás, Soledad Felloza recibirá o premio “Cociña de Contos. Europa á carta” para, ás 17.30 continuar o programa no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, o museo baixo terra, coa intervención de Ana Sofía Paiva. 

Tamén por barco 

Nunha xornada case sen descanso, ás 19.30 Àngelo Torres achegará as súas historias á Casa da Luz, na Praza da Verdura. Quen queira coñecer a cidade a través do conto pode anotarse á “Ruta de Historias por Pontevedra”, o paseo por lugares emblemáticos ou curiosos con paradas para escoitar historias que se iniciará ás 22 horas e terá catro saídas de 60 persoas, unha cada vinte minutos, ás 22, ás 22,20, ás 22,40 e ás 23h dende a Casa das Campás. Ana Sofía Paiva, Ângelo 

Torres, Soledad Felloza e Avelino contarán en cada un dos lugares escollidos. 

A última xornada, o domingo, iniciarase ás 11 da mañá coa saída en barco desde o Peirao das Corvaceiras para participar nun dos pratos fortes de Sete Falares, os “Contos no meio do mar”. Avelino e as súas historias serán as protagonistas da travesía. 

O domingo continuará de conto ás 18.30 no CITA con Soledad Felloza para pechar o programa ás 20.30 a gran gala de clausura, a coñecida como “Rolda de Narradores” na que todos os contadores intervirán no Teatro Principal xunto coa música de Davide Nogueira (clarinete) e Antón Castro (zanfona).

Comentarios