Entrevistamos Alberto Vázquez, director de cinema

"Falan moito de que o cine ten moita subvención, e é mentira, é completamente falso"

É debuxante de bandas deseñadas, ilustrador e director de cinema. É na sétima arte onde máis destaca Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), que ten no seu haber máis de cen premios, entre eles tres Goya por Psiconautas (mellor película de animación en 2017), Decorado (á mellor curta de animación en 2017) e Birdboy (á mellor curta de animación en 2012). Entrevistámolo no Sermos Galiza 239. Eis un extracto.

[Imaxe: Numax.org] Alberto Vázquez
photo_camera [Imaxe: Numax.org]

Galiza foi unha potencia a nivel animación na década do 2000, que necesita o sector para poder chegar a aquel nivel de produción?

A cousa agora está “pelada”. As producións coincidiron coa bonanza económica, onde parecía que se podían levantar proxectos con moitos cartos. Estamos nun momento malo. Iso para comezar. Segundo, non hai ningunha escola pública forte de animación, excepto algún curso ou mestrado privado. Falta iso, unha escola potente de animación e máis investimento no cine e na animación. A animación é unha arte, pero é unha industria moi potente. Fóra do Estado español, cando vou a festivais importantes, os produtos de animación teñen a súa zona de mercado, de compra e venda de dereitos... Pensa que a animación infantil, a familiar, as series de Cartoon Network, Clan TV... todo iso move moito diñeiro, moito merchandising. E logo está o cine independente, de autor, o stop motion, as curtas independentes... Dentro da linguaxe da animación hai unha morea de técnicas e de posibilidades narrativas e económicas. É un campo a explorar e aquí ás produtoras non se lles poñen as cousas doadas para facer cine. É grave que se teñan que financiar proxectos só con diñeiro público, e hai pouco diñeiro público.

7Que falla?

Falla que non haxa exencións fiscais a empresas privadas para que invistan en cine, como hai noutros países ou noutros territorios do Estado español, como poden ser as Canarias ou o País Vasco. A Administración debería dar exencións fiscais a empresas privadas para que invistan en proxectos de cine, non que se intente facer todo con diñeiro público. As cousas ocorren se se axuda a que ocorran. Falan moito de que o cine ten moita subvención, e é mentira, é completamente falso. O Estado español, ao final, pode dar 40 millóns en axudas ao cine, mentres en Francia son 700 e en Italia 400. Estamos nunha situación moi mala. Neste contexto, son necesarias axudas para que entre capital privado no cine, porque ao final isto é unha arte pero tamén é unha industria que dá moitos postos de traballo.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 239, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios