'Que fai falta?' verte ao galego os siloxismos de Gianni Rodari

Kalandraka celebra o centenario de Gianni Rodari cunha nova tradución do autor.
Detalle do interior de 'Que fai falta?'
photo_camera Detalle do interior de 'Que fai falta?'

Kalandraka celebra o centenario de Gianni Rodari cunha nova tradución ao galego da súa obra. Neste caso trátase de Que fai falta?, un libro construído sobre o siloxismo que exemplifica á perfección "como o autor convertía as palabras e as ideas en xoguete poético e intelixente", destacan desde a editora.

Da mesa á madeira, da madeira á árbore. Rodari segue cun método dedutivo a procedencia das cousas. O texto do italiano vén ademais acompañado polos collages de Silvia Bonanni, nos que a ilustradora combina recortes de papel impreso con elementos téxtiles.

Político, xornalista, pedagogo e escritor, vencellado ao Partido Comunista Italiano, Rodari acadou o éxito con Contos longos coma un sorriso, As aventuras de Cipollino ou O libro dos retrousos, deseñados sobre a brevidade de historias desenvolvidas a partir da literatura tradicional e nas que a lectora pode escoller o final. En galego, ten traducidos Confundindo Historias, Contos por teléfono ou Inventando Números, así como a Gramática da Fantasía, a súa principal achega á pedagoxía contemporánea. 

Comentarios