Verto

"Fai falla máis música en galego que sexa puro ocio"

Alberto Mira, Berto (Pontevedra, 1997) e Fernando Peleteiro, Fer (Compostela, 1997) conforman Verto. Estes dous amigos estudantes de Medicina veñen de se embarcar nun proxecto a medio camiño entre a música disco e o pop, con moitas ganas remover a escena musical galega e de reconectar a mocidade coa música en galego. Ambos poñen voz ás cancións e a produción corre a cargo de Fer.  Eis un estrato da entrevista publicada no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza.
F_7_EntrevistaVerto

Como xorde o grupo?

Alberto Mira, Berto: Desde que nos coñecemos en primeiro de carreira, porque os dous estudamos Medicina. Levabamos moitísimo tempo pensando en facer música. Nunca estivemos no mesmo punto de coincidir no que queriamos facer. Agora pois ambos queriamos facer música máis moderna en galego, que soase discotequeira. Tiramos para diante con esa idea e a verdade é que as nosas preferencias musicais encaixaron. Fernando Peleteiro,

Fer: Hai que dicir que Berto xa levaba bastante tempo compoñendo e facendo cousas nun estilo que eu non compartía tanto. Eu sempre fun moitísimo máis parado para tirar para adiante, compoñer e sacar cousas. Ao voltar do verán Berto xa fixera varios temas, ensineille o que eu tiña por alí e uns días despois chegou coa idea de Amolecer. Nunha tarde tiñamos a idea completa da canción. 

M_7_EntrevistaVerto

Xa viñades entón facendo música por separado?

F.: Eu non estaba facendo nada de música, Berto estaba comezando a compoñer algunhas cousas.

B.: Si, eu teño unha canle de Youtube que se chama La primavera de Bandini na que empecei coas miñas cancións este verán. Agora en Spotify estamos como Verto mais en Youtube as cancións están na miña canle.

F.: La primavera de Bandini serviu como unha idea de Berto dunha canle de Youtube que fose un pouco como unha plataforma para que a xente se animase a subir arte en galego. É moi importante, porque até o de agora non lle demos a publicidade suficiente pero a min é o que máis ilusión me fai de todo. Utilizar isto para que máis xente se quente e diga: «Pois si que podo facer música chula en galego!» e saia e poña cousas, desde música até curtas de animación ou sketchs.

Como definiriades o voso estilo?

F.: Sabes que pasa? Con Rebolando por ti cambiou moito. Non ten nada que ver co anterior. Pero si que nos encadraría nun estilo entre pop e disco.

B.: A nosa intención é que sexan cancións modernas pero de estilo antigo, deste dos sintes, discotequeiro dos oitenta. F.: E que sexan pegadizas, o noso obxectivo sempre é que desde que a escoitas a primeira vez se che quede un anaquiño da letra para que a volvas escoitar. 

Fan falta máis iniciativas deste tipo na Galiza?

F.: A ver, hai moita cousa. Ben, moita cousa… para a poboación que somos penso que é bastante. Eu este verán descubrín moitas cousas que logo lle mandaba a Berto, «Acabo de descubrir Ataque Escampe, están bastantes chulos». O que non hai, até Boyanka Kostova, é un estilo tan moderno. E mesmo Boyanka Kostova é moderno pero até o extremou ou satirizou un pouco, tanto autotune e tanto trap. Nós somos dese estilo moderno, mais tamén o estamos facendo en serio. 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios