CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Como facer a peor película da historia

disaster2 (1)
photo_camera Un plano da fita

THE DISASTER ARTIST

(EUA 2017, 115 min.)

Dirección: James Franco

Guión: Scott Neustadter e Michael H. Weber

Fotografía: Brandon Trost

Música: Dave Porter

Elenco: James Franco, Dave Franco, Seth Rogen, Ari Graynor, Josh Hutcherson, Alison Brien, Jacki Weaver, Paul Scheer, Zac Efron, Sharon Stone, Melanie Griffith, Kevin Smith, J.J. Abrams

 

SINOPSE

Greg e Tommy marchan a Los Angeles para perseguir o seu soño: ser actores. Ante o rexeitamento constante da industria deciden facer eles mesmos o seu propio filme que levará o título de The Room.

 

CRÍTICA

Ed Wood e Uwe Boll teñen a dubidosa honra de encabezar o listado de “peores directores de cinema da historia”. No 2003 Tommy Wiseau fíxose un oco en tan prestixioso clube grazas a escribir, dirixir, producir e protagonizar The Room, considerada a peor película da historia. Lonxe de caer no esquecemento, este tipo de personaxes causan unha instantánea fascinación, unha fascinación que ten moito que ver coa admiración pola súa afouteza e determinación a proba de bombas, ou tamén porque simplemente son perdedores de manual que loitan contra vento e marea para acadar o seu soño pese as súas dificultades ou taras. Tim Burton levou á gran pantalla, e con enorme éxito (2 Oscar e 1 Globo de Ouro incluído), a historia de Ed Wood no filme homónimo de 1994. A do alemán Uwe Boll tivo bastante menos repercusión mais tamén obtivo o seu momento de “recoñecemento” en 2008 nun documentario-entrevista titulado Visiting Uwe. Perdedores ao poder...

 

James Franco (Xolda ata o fin, The Interview) fai o propio adaptando o libro de Greg Sestero e Tom Bisell titulado The Disaster Artist: My Life Inside The Room, The Greatest Bad Movie Ever Made, poñéndose na pel do propio Tommy Wiseau e ademais facendo as veces de produtor e director. The Disaster Artist non tardou moito en recibir o inmediato recoñecemento de crítica e público: Concha de Ouro a Mellor Filme no Festival de San Sebastián e Globo de Ouro a Mellor Actor de Comedia, entre outros galardóns.

 

A historia non é un biopic ao uso, aínda que no fondo o sexa. Conta a historia de como Greg Sestero, un aspirante a actor que ten demasiado desenrolado o sentido do ridículo, coñece Tommy Wiseau, un tipo cunha personalidade tan magnética como extravagante. Ao pouco tempo convence Greg para marchar xuntos a Los Angeles á procura do seu soño de se converter en actores famosos. Como é de esperar, as oportunidades non acaban de chegar, así que deciden ser donos do seu propio destino e facer o seu propio filme. Se xa a presentación de personaxes é bastante graciosa a partir de aquí vén unha mestura de incredulidade e histrionismo constante até acabar nunha catarse de esmendrelle colectiva. Que maneira de rir...

 

Se James Franco interpreta con absoluta brillantez a Tommy Wiseau, o seu irmán Dave non queda atrás encarnando Greg Sestero. Semella que todo queda na casa porque tamén teñen papeis, máis ou menos importantes, os seus colegas/amigos Seth Rogen (Superfumados), Christopher Mintz-Plasse (Supersalidos) ou Judd Apatow (Lea embarazosa). Outras caras coñecidas que se apuntaron a esta xenial historia de cine dentro de cine, son: Josh Hutcherson (Os xogos da fame), Bryan Cranston (Breaking Bad), Sharon Stone (Instinto básico) ou Kevin Smith (Clerks) ademais de, loxicamente, os pertinentes cameos dos propios Wiseau e Sestero. Eu non me levantaría da butaca antes de que rematen os títulos de crédito...

 

Ao remate de seguro que lles entran gañas de ver o filme orixinal The Room. Iso xa depende do seu grado de frikismo.

 

Ao remate de seguro que lles entran gañas de ver o filme orixinal The Room. Iso xa depende do seu grado de frikismo. De feito hai unha corrente (que cheira a postureo desde ben lonxe) que afirma que The Room é moito mellor que The Disaster Artist... En fin, non... non é mellor... é insufríbel a máis non poder... mais, baixo a súa estrita responsabilidade, e se desexan saciar a súa curiosidade, poden perfectamente intentar ver The Room... a ver o tempo que aturan tamaño despropósito. O único bo de The Room é que propiciou The Disaster Artist.

 

Para rematar outra encarecida recomendación: fagan o favor de ir ver The Disaster Artist en versión orixinal. Ben, sempre que sexa posíbel, e ultimamente hai moitas salas que apostan por elo, é moito mellor ver todas as películas en versión orixinal, mais neste caso aínda máis. Cando menos se se quere gozar do filme tal e como se merece. E é que o punto que acada James Franco coa voz, risiña incluída, é imposíbel de imitar nunha sala de dobraxe. E así o corrobora a maioría da xente que foi mirala dobrada ao castelán. A percepción da personaxe é totalmente distinta. Nada que ver. Logo non digan que non lles avisei... ah, ola Mark!

Comentarios