Constrúen unha grella para asar sobre un xacemento en Lousame

IMG-20200224-WA0050
photo_camera Chimenea dunha lareira no interior dunha mámoa. (Foto: Barbantía)

Transcorridos só uns días desde que o Concello de Noia fose noticia pola instalación por parte do Goberno local dun banco sobre un petróglifo, ou de que unha das mámoas que compoñen a senlleira necrópole megalítica dos Campiños -en Leiro, Rianxo- fose danada por labores relacionadas coa actividade forestal, os atentados contra o patrimonio histórico e arqueolóxico galego volven estar de actualidade.

"Nos últimos meses estamos asistindo a unha destrución acelerada do patrimonio cultural galego, nomeadamente do arqueolóxico". Así o denuncia a Asociación Barbantía, un colectivo cultural do Barbanza que revela que nesa mesma comarca tivo lugar "un dos exemplos máis clarificadores desta lamentábel tendencia, que ultimamente semella que está alcanzando o seu cénit, relativa á desprotección e destrución do noso patrimonio".

O caso ao que fan referencia desde Barbantía é o da mámoa de Casamea 1, ou Pedra da Cana, en San Pedro de Tállara, Lousame.

Segundo informan, no ano 1995 este xacemento "foi alterado gravemente, destruíndo a cámara mortuoria -ou dolmen- para construír, parece ser, unha grella para asar -aínda se conserva a cheminea-, porta e soportal con tubos de metal".

"Recentemente -continúan- alguén decidiu volver colocar os ortostatos que arrancaran en 1995, e polos arredor do túmulo, plantar unhas tullas e deixar a neveira e algunha garrafa de plástico para acondicionar o xacemento". 

"Ademais da desfeita sobre o patrimonio arqueolóxico, a neveira e os plásticos deberan depositarse nos espazos habilitados para tal fin e non ciscados como se atopan", critican.

A situación resulta aínda máis grave tendo en conta que o xacemento forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galiza, e que o Concello de Lousame ten aprobado un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) desde o ano 2004 e no que este patrimonio figura como un "Ben Cultural a Protexer". 

Comentarios