Caderno de Verán 'Máis'

Facer arte a partir de lixo: A tradición crebeira ten agora un obxectivo diferente

Creba: “restos de naufraxios ou cargas dos barcos que o mar arrastra até a costa”. Actualmente, sinónimo de lixo. A tradición das crebas existe na Galiza desde sempre. Porén, hoxe en día, nas crebas só se atopan moreas de plásticos e residuos que contaminan a costa.
Un peixe elaborado a partir de diversos materiais de plástico sobre un fondo azul. (Foto: RetoqueRetro)
photo_camera Un peixe elaborado a partir de diversos materiais de plástico sobre un fondo azul. (Foto: RetoqueRetro)

Na Galiza hai unha gran tradición de recoller todo o que trae o mar, sexa lixo ou sexan tesouros. A isto, comunmente coñécese como“ir ás crebas”.

Principalmente, esta actividade realizábase ao longo da Costa da Morte dada a gran cantidade de naufraxios que se producían pola zona, mais sempre houbo crebeiros e crebeiras, en maior ou menor medida, por todo o litoral galego. A cultura oral trouxo até os nosos días, a través da comunicación interxeracional, contos e historias realmente impresionantes sobre as cousas que chegaban ás praias galegas. 

Aínda que o máis habitual fose a recollida de madeira, a marea tamén trouxo mercadorías ben curiosas que a veciñanza da zona non dubidou en aproveitar, como as laranxas que cubriron o mar de Corrubedo en 1917, ou os botes de leite condensado que chegaron ás costas galegas, os cales, segundo se conta, foron confundidos con pintura branca, de maneira que aquelas persoas que decidiron aproveitar para pintar as súas casas con ela, pasaron unha boa temporada entre moscas. Tamén é coñecida a foto da muller cargando na cabeza unha impresora Xerox na costa de Carballo, ou os enormes cargamentos de tabaco que encheron gran parte da Costa da Morte. Cómpre recordar tamén o barco de vapor que transportaba xoguetes, encallado no ano 1910 preto da zona de Corrubedo, cuxa historia recuperou Manuel Rivas na súa novela O Lapis do carpinteiro: "[...] aquel foi un naufraxio moi especial. O barco chamábase Palermo e ía cargado de acordeóns. Mil acordeóns embalados en madeira”. Todos estas historias están recollidas no Catálogo de Naufraxios da Galiza, unha investigación realizada por Rafael Lema.

O tema das crebas chamou a atención dun gran número de persoas, galegas ou non, que se achegaron á costa para comprobar se as lendas que escoitaban eran certas. O escritor ourensán Francisco Xosé Fernández Naval foi un dos curiosos das crebas que, namorado polas historias que se contaban pola zona, asentouse na vila de Carnota. “O mundo das crebas é un mundo fantástico”, non dubida en afirmar Fernández Naval, quen engade que “agora só se vai ás crebas para buscar leña que queimar, é certo que a xente segue a atopar cousas curiosas, pero hoxe en día xa non hai a necesidade que había daquela”. Unha necesidade que se recolle á perfección na película Crebinsky, de 2011, dirixida por Enrique Otero, na que dous irmáns viven do que trae o mar.

Porén, hoxe en día estanse a perder estas historias das crebas porque case todo o que chega ás praias galegas, en vez de seren tesouros como naquela altura, resulta ser, case na súa totalidade, lixo. Cada día as ondas deixan na beira plásticos de todo tipo, botellas, bolsas, bidóns, así como restos de redes, de madeira e elementos contaminantes diversos. A raíz da cantidade de lixo que enche as nosas praias e que aumenta cada ano, diferentes asociacións e artistas decidiron recoller estes restos para construíren esculturas ou realizaren pezas artísticas que, por unha parte, axuden a limpar a costa galega e, por outra, poidan darlles unha segunda vida a todos estes obxectos aparentemente inservíbeis.

Os membros do grupo RetoqueRetro, conformado por un escultor, Javi Serantes, unha mestra, Ana Lee, e unha bióloga, Isa García, realizan esculturas con diferentes formas, principalmente de animais costeiros, a partir do lixo que recollen nas praias galegas. Os tres membros integrantes decidiron xuntar os seus coñecementos en cadansúa materia para promocionar a reciclaxe con fins artísticos, e levan traballando na idea desde o ano 2012. Porén, non foi até o pasado 2020 cando naceu RetoqueRetro como Asociación de defensa da Arte e do Medio Mariño. Actualmente, a asociación tamén leva a cabo exposicións coas pezas que crea, imparte obradoiros e charlas de concienciación, e colabora con outras agrupacións e organizacións, como Mar de Fábula, de Camariñas, que ten como principal obxectivo limpar as praias ao longo do ano. 

Os residuos que acaban no mar están a destruír un dos ecosistemas máis valiosos que temos na Galiza. Agora toca ir ás crebas, mais dunha forma e cun obxectivo diferente: limpar, reciclar e crear

Esta asociación sen ánimo de lucro, coa finalidade de chamar a atención da cidadanía, organiza obradoiros de creación artística e artesanal nos que se dan pautas para reutilizar os materiais plásticos seleccionados do total de residuos recollidos, da mesma forma que os do grupo RetoqueRetro. 

Ambos os dous colectivos, xunto con outros participantes, xa teñen levado a cabo varios encontros sobre o lixo mariño e naufraxios, así como numerosas actividades con centros escolares, con asociacións xuvenís como a de Comarea de Muxía, e encontros para a recollida de lixo en diferentes praias pola zona da Costa da Morte, principalmente.

A última exposición realizada na Galiza sobre as obras resultantes do lixo mariño foi a organizada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), no pasado mes de novembro. A mostra, "A alquimia do lixo: unha viaxe desde a fealdade á beleza", contou coa colaboración da asociación Mar de Fábula e a agrupación RetoqueRetro, e o seu principal obxectivo era a concienciación sobre a contaminación mariña. A mostra desenvolveuse en dúas salas de exposición, unha situada na Senra, en Bergondo, e outra na Casa da Cultura Vila Concepción, en Cambre.

As obras resultantes dos obradoiros creativos son realmente curiosas e moi diversas, tanto máscaras, como composicións de diferentes pezas, esculturas con varios tamaños... Semella unha forma interesante de limpar as praias, darlle unha visión creativa ao lixo que se atopa nelas é, á vez, concienciar a poboación da necesidade de coidar o noso mar. A tradición das crebas foi mudando ao longo dos anos do mesmo modo que o fixeron os nosos costumes e o consumismo exacerbado propiciado pola sociedade capitalista na que vivimos.

Os residuos das grandes manufacturas que acaban no mar están a destruír un dos ecosistemas máis valiosos que temos na Galiza, polo que este tipo de iniciativas semellan imprescindíbeis para axudar a reverter a situación de preocupante contaminación na que se atopa a costa. Agora toca ir ás crebas, mais dunha forma e cun obxectivo diferente: limpar, reciclar e crear.

Comentarios