A face máis humana de Afonso X

O Consello da Cultura inaugura mañá unha mostra en Compostela
Miniatura das Cantigas de Santa María.
photo_camera Miniatura das Cantigas de Santa María.

Mañá ás 17 horas terá lugar a inauguración da mostra Afonso X e Galicia, o último proxecto do Consello da Cultura Galega, que conta coa colaboración da Consellaría de Cultura, a Deputación de Ourense e a Universidade de Santiago. A exposición pretende achegar aspectos pouco coñecidos da figura de Afonso X, revisando a súa pegada na cultura galega. O comisario é o músico, musicólogo e medievalista Antoni Rosell.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López, e o presidente da Deputación de Ourense, Jose Manuel Baltar, daranse cita na Igrexa da Universidade para presentar unha mostra  que ofrece un percorrido pola faceta máis humana de Afonso X, pola moderna concepción do seu proxecto político, a universalidade e a aposta decidida na lingua galega.

O relato constrúese a través dunha narrativa multimedia, condicionada polas circunstancias sanitarias. O deseño está pensado para "tocar" virtualmente a través dos móbiles, para alén de proxeccións visuais e sonoras que recrean o universo místico do monarca.


Afonso X e Galicia estará aberta na Igrexa da Universidade de até o 24 de abril (de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas, de segunda feira a domingo). Está distribuída en cinco salas, un espazo central e o anexo final que dan conta da relevancia de Afonso X, pero, sobre todo, da súa influencia e da vixencia do seu pensamento.

O itinerario non é cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexíbel e multidisciplinar con diferentes bloques temáticos. A primeira das súas itinerancias será Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Para alén de Rossell, responsábel do deseño intelectual da exposición, a posta en escena recaeu no arquitecto Roger Badía, especialista en rehabilitación de patrimonio e deseño de instalacións lumínicas e performativas.

Comentarios