sábado 23/10/21

"Extraordinario", de Antón Lopo, primeira novela en galego nas recomendacións do Pen

A editorial Galaxia declara que Extraordinario, de Antón Lopo, se converteu na primeira obra deste tipo en galego en entrar nas obras recomendadas polo prestixioso Pen dos Estados Unidos de América.
anton_lopo_6
anton_lopo_6

A editorial Galaxia vén de facer público que a novela Extraordinario, de Antón Lopo, se converteu na primeira obra deste tipo en lingua galega en entrar nas obras recomendadas polo Pen de Estados Unidos de América, unha das organizacións máis prestixiosas do país. O recoñecemento chega a través da tradución de Jacob Rogers, que lle valeu a bolsa anual que outorga esta institución xunto coa Fundación Heim.

A iniciativa do Pen traballa pola promoción da recepción de obras traducidas ao inglés, co obxectivo de aumentar o pouco número de traducións que aparecen nesta lingua. Foron máis de 260 os proxectos presentados este ano, dos que o xurado seleccionou 11 de dez idiomas diferentes.

Entre as autoras seleccionadas figuran Fabio Morabito, a cineasta Natalia Meshchaninova, Cristina García Morales, a activista africana Monique Ilbouopo ou Sandra Petrignani, unha das máis famosas escritoras italianas actuais.

O xurado destacou de Extraordinario o "vívido retrato" que Lopo realiza sobre a Galiza actual e a dos últimos anos da ditadura franquista. Trátase tamén, engaden, dun "entrañable relato" sobre un rapaz de orientación queer que medra nunha sociedade represiva e que se converte nun bisexual que traballa como acompañante. Da novela salientan o abano temático que aborda, desde a emigración, a inmigración, o cambio de clima e a distancia entre o urbano e o rural na Galiza.

Jacob Rogers asegura que a novela o atrapou "desde a primeira páxina". "O que me pasou con esta novela é unha das mellores guías que teño como tradutor: máis que gozar dela, quedei totalmente abraiado ante ela, de maneira que a miña única resposta foi un desexo intenso de traducila", declara.

"Extraordinario", de Antón Lopo, primeira novela en galego nas recomendacións do Pen
comentarios