CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Extinction'

Unha de zombies que conta coa participación da produtora galega Vaca Films. 

extinción

EXTINCTION
(España, EEUU, Francia, Hungría 2015, 110 min.)
Dirección: Miguel Ángel Vivas
Guión: Alberto Marini e Miguel Ángel Vivas
Fotografía: Josu Inchaustegui
Música: Sergio Moure de Oteyza
Elenco: Matthew Fox, Jeffrey Donovan, Quinn McColgan, Valeria Vereau, Clara Lago, Eduardo Fedriani, Matt Devere, Alex Hafner

SINOPSE
Dous homes, unha nena e un can tratan de sobrevivir día a día nun mundo devastado por unha praga química que acabou por converter a media humanidade en criaturas sedentas de sangue. Semellan ser os derradeiros superviventes, mais un día decátanse de que non están sos...

CRÍTICA 
Vaca Films participa nesta coprodución internacional dirixida por Miguel Ángel Vivas que, tras facer Secuestrados, quixo adaptar a novela de Juan de Dios Garduño (E pese a todo...) polas posibilidades cinematográficas que lle atopou a narrativa do escritor sevillano. Converte a novela, xunto a Alberto Marini, nun western postapocalíptico de zombis pero -case- sen zombis. 

O filme decorre nun mundo devastado pola glaciación após a Terceira Guerra Mundial

O groso da trama céntrase arredor de Jack e Patrick, dous amigos que, por mor dunha muller, levan nove anos sen se falar. Nove anos nos que un vive a carón do outro, separados apenas por un valo de metal, nun mundo devastado pola glaciación após a Terceira Guerra Mundial que converteu a media humanidade en zombis, e a outra metade en comida... A carraxe entre eles é tan forte que nin sequera pensan en colaborar o un co outro a pesares de seren os derradeiros habitantes da Terra. 

Con todo, conviven en harmonía e cun pacto de non agresión que linda coa tolemia pero que, en caso de perigo, debería funcionar. Sobre todo para protexer a Lu, unha nena pequena que é o único vínculo en común e única razón para que continúen con esta particular convivencia. De súpeto as criaturas reaparecen, e reaparecen mutadas en monstros albinos resistentes ao frío que tratan de aniquilalos a toda costa... 

zombiesO interesante do filme non é precisamente esa parte de terror de xénero senón esa (non)convivencia entre estas tres personaxes. Matthew Fox (famoso pola serie Perdidos/Lost) e Jeffrey Donovan (o policía que manipulaba a Angelina Jolie en O troco) son os amigos que se odian. Tamén fai acto de presenza Clara Lago (Oito apelidos vascos) nun pequeno papel que non convén moito desvelar. 

A película curiosamente decae en cuanto comezan os ataques zombis: nulo suspense, zombis que non meten demasiado medo, moitos lugares comúns, efectos especiais irregulares (os efectos tradicionais a moi alto nivel pero a CGI algo pobre) e por riba unha cámara en “modo parkinson” que marea bastante.

"Un bo ritmo e un par de escenas que fan pasar por alto ese cheiro a serie B"

Con todo hai que recoñecerlle un bo ritmo e un par de escenas que fan pasar por alto ese cheiro a serie B. Iso si, quedo sen dúbida coa parte dramática entre Patrick, Jack e Lu (a de Clara Lago sobra) e máis coa banda sonora do coruñés Sergio Moure de Oteyza. Coméntase que os membros da Academia de Hollywood fixáronse nesta partitura de corte clásico así que, cando menos, conta con certas posibilidades dunha nomeación aos Óscar. Xa veremos... 

Xogando ao “suma e sigue”, Extinction sería o resultado de: 28 días despois + 30 días de escuridade + O último home vivo + A néboa de Stephen King. Non aporta nada novo pero é unha interesante achega ao xénero que fixo que me picara a curiosidade pola novela de Garduño, que ademais acaba de publicar secuela baixo o título Cinzas... Fará o propio Vaca Films? E xa que estamos co tema zombi... para cando a esperada adaptación da saga Apocalipse Z de Manuel Loureiro?

Comentarios