A "extinción" ameaza a única revista de teatro

erregueté reduce a súa periodicidade
Presentaci+¦n nova etapa_Sala +ürtika Vigo_novembro2016_Foto_Nando Iglesias 2
photo_camera Presentación da nova etapa de 'erreguete' na sala Ártika de Vigo en novembro de 2016. Foto: Nando Iglesias.

"Estamos abocadas a desaparecer. Ese é o camiño irremediable. É unha idea á que custa afacerse pero a realidade non é outra". Con esta dureza inicia Vanesa Sotelo o editorial do último número da publicación que dirixe desde 2016, a histórica erregueté. Revista Galega de Teatro. Trinta e seis anos despois da súa fundación, a falta de apoios institucionais e a precariedade xeral que cruza a escena galega ameazan a súa continuidade. Polo momento, vén de anunciar a redución da súa periodicidade, de catro a dous números anuais.

"Como ente vivo, en risco de desaparición material, está tamén a erregueté -Revista Galega de Teatro", continúa o mencionado editorial, "as axudas para facer posíbel a súa continuidade en papel diminúen en sentido inversamente proporcional aos proxectos que emprende". "A revista non vai pechar", matiza Sotelo a preguntas de Nós Diario, "pero si temos que avaliar como asegurar que siga aparecendo en papel. Non está claro". Arredor de 200 persoas subscritoras forman a primeira base de resistencia da publicación, a única en formato físico dedicada ao teatro. Houbo outras experiencias, das que Casa Hamlet foi se cadra a máis sinalada, pero hai tempo que sucumbiron.

"Non queremos que a edición impresa desapareza", esténdese Sotelo, "mais os apoios que tiñamos deixámolos de ter". O número de asinantes non medrou o que agardaban e, desde 2010, "o diálogo coa Xunta foise perdendo". erregueté non é unha revista profesional. Porén, a colaboración da Xunta servía para pagar o prelo, a distribución e o envío de exemplares dos catro número anuais. En 1995 acordaron o primeiro subsidio co daquela Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) por 800.000 pesetas (4.800 euros). En 2002 ascendera a 13.500 euros e, seis anos despois, a 15.500. "Ese apoio desapareceu", di. E aínda que outras institucións, nomeadamente a Deputación de Pontevedra, permitiron manter o ritmo, "o fondo económico da publicación foise reducindo cada vez máis".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios