A Rede Museística de Lugo expande as mulleres rurais a través da arte

Coa finalidade de dar a coñecer mediante a arte os relatos das mulleres, habitualmente invisibilizados e afastados dos espazos de creación contemporánea, nace "Mulleres rurais", un ambicioso programa que vén de pór en marcha a Rede Museística da Deputación de Lugo e que inclúe obradoiros, mostras e charlas.
"Do de peito", por Ana Gesto, é a imaxe seleccionada para o cartel "Mulleres rurais". (Foto: Jesús Alonso / Ana Gesto)
photo_camera "Do de peito", por Ana Gesto, é a imaxe seleccionada para o cartel "Mulleres rurais". (Foto: Jesús Alonso / Ana Gesto)

A arte como punto de encontro, de diálogo, de escoita, como base da reivindicación, da liberdade de poder ser e estar. Con esta idea, a de visibilizar a través da arte, nace "Mulleres rurais", un amplo programa creado pola Rede Museística da Deputación de Lugo que pousa o ollar na contribución das mulleres do rural á configuración da sociedade. 

Desde esta sensibilidade lanzan obradoiros, exposicións e accións que conforman unha proposta plural e combativa para a que contaron coa colaboración de artistas contemporáneas de diferentes disciplinas á par do Instituto de Estudos Ulloáns

Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo, Encarna Lago González, xerente da Rede Museística e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, xunto coas comisarias dos diferentes proxectos e artistas participantes e representantes do Instituto de Estudos Ulloáns foron as encargadas de presentar este "ambicioso programa da Rede Museística dedicado ás mulleres rurais".

Un proxecto deseñado ao redor do Día das Mulleres Rurais, que se celebra o vindeiro 15 de outubro, mais que procura transcender a efeméride e pór "as mulleres do rural no centro da actividade creativa ao tempo que recoñece a súa contribución á sociedade en todos os eidos, desde o económico até o social e cultural", valorou Maite Ferreiro.

Mulleres, memoria, fotografía e migración

A programación de "Mulleres rurais" artéllase ao redor de tres proxectos chave, que se irán desenvolvendo ao longo dos próximos meses: "Recolectoras. Memoria e Terra", "A Ulloa. Fotografías centrípetas" e "Proximidade llunyana".

No marco do “Recolectoras. Memoria e Terra", citaranse catro artistas de distintas disciplinas –Ana Gesto, performance; María Gar, artista gráfica e instalativa, Isabell Seidel, pintora e Andrea Torres, escultora–, quen percorrerán diversos concellos do rural para “conversar a partir da arte contemporánea coas mulleres que configuran o seu territorio e a súa memoria”, adiantan desde a organización, para crear, a partir desa experiencia, distintas propostas artísticas.

Os obradoiros de creación que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro, tal e como confirma Alexandra Rodríguez, comisaria de "Recolectoras", para Nós Diario, porán de relevo a contribución das mulleres ao coidado, mais sen perder de vista outros temas relacionados co ámbito rural como o despoboamento, a reivindicación do sector agrario como base económica e a importancia dos espazos naturais, ademais de visibilizar o traballo de mulleres artistas e propiciar o achegamento á arte contemporánea. Os resultados desta acción mostraranse nunha exposición colectiva que se inaugurará a comezos de decembro.

“A Ulloa. Fotografías centrípetas”

Por outra banda, a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acollerá a mostra fotográfica “A Ulloa. Fotografías centrípetas”, que pon en diálogo diferentes olladas de mulleres vencelladas á Ulloa sobre o seu territorio.

Esta exposición, que inaugurarán o 15 de outubro, comisariada por Susana Varela e Patricia Coucheiro ao abeiro do Instituto de Estudos Ulloáns, érguese como unha mostra colectiva conformada por catorce fotógrafas que pon en diálogo diferentes olladas de mulleres ulloás sobre o seu propio territorio, con propostas fotográficas que parten dunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado coa Comarca da Ulloa. Ademais, as comisarias da exposición proxectarán, paralelamente, a realización de talleres relacionados coa mesma.

"Mulleres rurais" e migración

Por último, tras o "Proximidade llunyana" xorde un proxecto que ten como obxectivo reunir fotografías e relatos relacionados coa migración das mulleres do rural a Catalunya durante o pasado século XX. Unha realidade, a migración, que nunca abandonou a actualidade.

Coa programación de "Mulleres rurais" pretenden, tal e como comunicou a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, visibilizar a través da arte os relatos das mulleres, habitualmente invisibilizados e afastados dos espazos de creación contemporánea, dando continuidade ao traballo que veñen desenvolvendo desde os museos provinciais, mediante os cales procuran manter unha actividade de escoita e colaboración permanente coa comunidade.

Comentarios