Na mostra 'Galicia, un relato no tempo' que abrirá en novembro

O Cancioneiro da Vaticana e o Códice Calixtino do Vaticano, por primeira vez na Galiza

Mil duascentas cantigas, algunhas de Meendinho, Don Dinís ou Afonso X, conforman o Cancioneiro da Vaticana, unha das fontes principais da lírica medieval galaico portuguesa e peza mestra da tradición literaria europea. Visitará Galiza por primeira vez dentro da mostra Galicia, un relato no tempo, organizada pola Xunta.
 

detalle Cancioneiro da Vaticana
photo_camera Detalle das primeiras cantigas de Don Dinis incluídas no 'Cancioneiro da Vaticana'. Imaxe: Wikipedia.

Non será a única icona da cultura galega que faga parte da mostra, concibida pola Consellaría da Cultura como a primeira de gran formato encadrada no Xacobeo 21. A Bibiloteca Apostólica Vaticana que garda o Cancioneiro garda tamén un Códice Calixtino, un Liber Sancti Iacobi. E tamén estará en Galicia, un relato no tempo.

O Liber Sancti Jacobi do Vaticano é, xunto ao orixinal de Santiago, “un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, o que permite observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelán, como o propio rostro do emperador Carlomagno”. Segundo a información achegada polo Goberno galego, este Liber Sancti Iacobi “foi escrito coa vocación de conectar Compostela e Galiza co resto de Europa, creando a lenda da aparición de Santiago ao emperador Carlomagno e a súa chegada a Compostela”.

A cesión pechouna esta quinta feira en Roma o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. “Se o Pergamiño Vindel ou A derradeira lección do mestre foron dous grandes logros”, explicou Rodríguez nun comunicado, “esta nova exposición suporá un fito cultural moi notábel”. Presentarase no inicio de xullo e abrirá as portas en novembro na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

“A mostra reunirá nunha exposición pezas esenciais da cultura galega”, explica Cultura na mencionada nota, “entre as que se atopan obras que viaxarán por primeira vez a Galiza grazas aos acordos de colaboración que se están a xestionar con prestixiosas institucións de Europa e América”. Máis alá do Cancioneiro da Vaticana e o Códice Calixtino, non transcendeu de que se trata.

Comentarios