A exposición de “Sempre Marzo” volve ao público na Fundación Luís Seoane

O proxecto expositivo e editorial continúa a súa andaina de presentacións que interrompeu o ano pasado coa chegada da pandemia.

Inauguración da exposición 'Sempre marzo' na Coruña (Nós Diario)
photo_camera Inauguración da exposición 'Sempre marzo' na Coruña (Nós Diario)

A Fundación Luís Seoane acollerá até o día 14 de marzo a exposición 'Sempre Marzo' un proxecto artístico que mestura poesía e cadros de autoras e autores co obxectivo de lembrar a data do 8M. 

A obra en formato libro de edición limitada contén 12 poemas manuscritos e gravados a ferro das poetas María Xosé Queizán, Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, María Lado, Míriam Ferradáns e Rosalía Fernández Rial.

Ademais, no proxecto e a modo de epígrafe nun apartado dedicado ao 8 de Marzo, interveñen as pintoras galegas Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro comparten a súa visión a través da plástica. É, polo tanto, unha experiencia que remite á pintura e á poesía en cada lugar que visita.

Meses en poder continuar a súa andaina

“A arte precisa ser exposta, precisa ser vista para que poida comunicar”, explica a Nós Diario o responsábel da Xanela Editorial e promotor da idea, Xosé Manuel Calviño, “para nós é vital voltar as exposicións , aos recitais e poder contactar co público que se queira achegar a nós”, engade en relación a todos estes meses sen poder espallar a proposta expositiva.

No acto inaugural deste sábado participaron, ademais da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, as poetas Yolanda Castaño, coordinadora do proxecto, acompañada de Emma Pedreira e Pilar Pallarés. 

Na propia inauguración, dentro dos actos con motivo do 8M que organiza o concello da Coruña, Inés Rey admitía que "a cultura é a maior expresión para defendermos os nosos dereitos como mulleres".

A exposición de 'Sempre Marzo' realizara a súa última presentación en Vigo, rematando as visitas ao público o pasado 30 de xuño. Calviño que ten a intención de percorrer toda Galiza coa exposición en colaboración con concellos e deputacións. “Estamos a retomar as iniciativas que xa emprenderamos coas principais cidades e tamén despois coas vilas que nos queiran acoller”, asegurou.

Comentarios