Unha exposición fotográfica para lembrar a Manuel Lueiro Rey no centenario do seu nacemento

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle desde o 12 de maio e até o 12 de xuño unha escolma de fotografías arredor da vida e obra do autor completada cun abano de actividades máis ampla. 

Manuel Lueiro Rey
photo_camera Manuel Lueiro Rey

O Pazo da Cultura de Pontevedra, en colaboración co Concello e a Deputación, presentaron o pasado 12 de maio un ciclo de actividades arredor da figura do escritor Manuel Lueiro Rey. Entre elas, unha exposición fotográfica que repasa as pegadas da súa vida e obra co gallo do centenario do seu nacemento. 

Mesas redondas, presentacións de libros e recitais poéticos compoñen as actividades organizadas co gallo do centenario

Para alén diso, diversas ponencias darán a coñecer o papel do escritor coa narrativa, a poesía e o xornalismo xunto cos seus perfís humanos, literarios e políticos. Manuel Bragado, Mercedes Queixas, Xesús Alonso Montero, Helena Villar Janeiro ou Marilar Aleixandre son algúns dos nomes que lembrarán a traxectoria de Lueiro, unha das figuras menos coñecidas das letras galegas. 

Durante as semanas en que se manteña a exposición tamén serán presentadas distintas obras editadas por Xerais e Laiovento, música e mesmo recitais poéticos. Todas elas cada quinta feira ás 20 horas. 

Lueiro_sinatura

Lueiro Rey

Manuel Lueiro Rey naceu en Fornelos de Montes o 9 de abril de 1916. Porén, con apenas sete anos, trasladaríase xunto coa súa familia a O Grove. Militante comunista desde novo faría parte activa da campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galiza. Após o golpe de estado en 1936 agocharíase na casa das irmás, Emma, Lucía e Pura e tamén na dunha veciña en Fornelos e Portovilán. Porén, alistaríase co tempo no bando sublevado asumindo funcións militares en Pontevedra, A Coruña, Teruel, Quart de Poblet (País Valenciá) e Asturies. 

Lueiro Rey recibiu máis dunha ducia de premios pola súa extensa obra narrativa e poética, mais tamén xornalística

Comezou a escribir na imprensa colaborando Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra, La Noche, El Correo Gallego, Galicia (Bos Aires), Hoja del lunes (Vigo) ou A Nosa Terra, onde asinaría algunhas das súas publicacións co pseudónimo 'Gudea' co que tamén publicaría o sei primeiro libro Nacencia. Cuentos y poemas en 1950. 

Ao longo da súa vida, finou en 1990, asinou numerosas obras xornalísticas, poéticas e de narrativa polas que recibiría máis dunha ducia de galardóns. 

Co gallo do seu centenario disponibilizouse unha páxina web na que se pode repasar a súa biografía, obra e mesmo un extenso arquivo audio-visual. 
 

Comentarios