A exposición “Esculturas sentidas” mostra o Leiro máis comprometido

O Leiro máis comprometido exponse no Kiosko Alfonso, na mostra “Esculturas sentidas”, comisariada por Rosario Sarmiento. As esculturas de Leiro revisitan guerras, espazos tráxicos, desastres mundiais mais érguense tamén coa resistencia da dignidade. 

leiro2
photo_camera Fotos: Xurxo Lobato

“Trátase dun Leiro descoñecido e inédito para moita xente, comprometido coa historia, a dor e o sufrimento”, explica a comisaria Rosario Sarmiento que artellou en “Esculturas sentidas” unha montaxe na que as pezas do escultor dialogan con fotografías dos feitos que o inspiraron. Gaza, Bosnia, Ruanda ou as costas galegas tras o atentado do Prestige pasan polo traballo do artista para dar impresionantes esculturas nas que o desastre se funde coa dignidade das súas figuras humanizadas, mulleres e homes que berran, retiran chapapote ou se impoñen con valentía diante da violencia. 

A exposición que esta quinta feira se inaugurou no Kiosko Alfonso, situado nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, reúne obra creada desde o ano 1994, maiormente en posesión do propio artista, a non ser tres pezas que proceden de coleccións institucionais. “A máis antiga é Goma, que creou a partir dunhas imaxes no campamento do Congo, fronteira con Ruanda. A montaxe procurou, por medio de grandes imaxes en branco e negro, mostrar tamén o drama das súas esculturas que reflexionan sobre a guerra e as catástrofes”, explica Rosario Sarmiento. A exposición inclúe tamén un conxunto de relevos en piñeiro vermello policromado, unha fórmula que a comisaria entendo como “bosquexos” dos seus proxectos escultóricos. leiro

As imaxes dos xornais e a TV

A exposición, que está chamada a ser unha das referencias da tempada no panorama artístico galego, recolle obras dos últimos vinte anos dun creador que fai neste ano catro décadas de traxectoria artística, tempo no que se converteu nun dos principais nomes da historia da arte galega e, sen dúbida, no de maior proxección internacional da contemporaneidade. 

“Un artista que absorbe esas imaxes coas que as revistas, xornais ou pantallas da TV nos bombardean e que non por seren vistas reiteradas veces deixan de se converter en iconas do desastre e da dor, transformándoas dende a distancia dunha calculada ironía e un certo tremendismo valleinclanesco en referencias da crueldade ou do absurdo de gran parte da realidade que nos rodea diariamente”, explica a comisaria da súa proposta na que as figuras dialogan con esas imaxes das que naceron a partir das obras dun Leiro que “non representa, senón que, unha vez máis, busca crear unha escenografía”. 

O escritor Miguel Anxo Murado escribe tamén para a exposición de Leiro un texto no que defende que o que fai o artista nesta mostra é “ilustrar unha mitoloxía. No mundo da hiperinformación as noticias son os nosos mitos”. 

Comentarios