A exposición "Alén dos xéneros" chega a Compostela

A exposición Alén dos Xéneros, comisariada por Anxela Caramés, inaugúrase na capital galega este 6 de xullo. Recollendo o traballo de 50 artistas, a mostra busca mostrar obras que expoñan cuestións relacionadas co feminismo e co concepto de xénero.

mostra alén dos xeneros Imaxe Uqui.net
photo_camera Imaxe Uqui.net

Esta exposición colectiva reúne unha escolma de obras de 50 artistas, tanto mulleres como homes, realizadas dende os noventa ata a actualidade e relacionadas co feminismo e co concepto de xénero. O proxecto está vencellado á súa vez coa produción artística de grupos activistas feministas e LGTBQI.

O proxecto Alén dos Xéneros: Prácticas artísticas feministas na Galiza, exposto no Marco de Vigo ata o pasado mes de xuño, mostrarase no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela dende o 6 de xullo ata o vindeiro 30 de novembro. A entrada é de balde.

Entre os artistas participantes na mostra atopamos a Luz Darriba, Mar Caldas, Mónica Cabo ou Julio Manuel Álvarez Bautista. Anxela Caramés, comisaria da exposición, é licenciada en Historia da Arte e Belas Artes, ademais de investigador en arte feminista, crítica de arte, comisaria e produtora de cultura. Algúns dos seus proxectos máis destacados son Elas Fan Tech ou Desnudas.

Comentarios