A exposición sobre Afonso X e a Galiza chega a Lugo

A Deputación e o Consello da Cultura Galega (CCG) inauguran esta quinta feira a mostra, que estará dispoñíbel na capela de Santa María. Para dar a coñecer a relación entre o monarca e o país haberá visitas guiadas e mesmo un concerto.
Miniatura das Cantigas de Santa María, asinadas por Afonso X. (Foto: Arquivo)
photo_camera Miniatura das Cantigas de Santa María, asinadas por Afonso X. (Foto: Arquivo)

A poboación de Lugo e, en xeral, o público de toda a Galiza poderá visitar desde esta quinta feira 25 de novembro unha mostra sobre o rei Afonso X e a Galiza.

A proposta cultural e histórica será presentada ás 12 horas desta quinta na capela de Santa María nun acto no que participarán o deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro; a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. 

Igualmente participará o comisario desta iniciativa, Antoni Rossell, que será o encargado de guiar unha primeira visita pola mostra. 

Coa chegada a Lugo, a exposición fai a súa terceira viaxe para explicar á sociedade galega a conexión que existía entre o país e o rei no momento no que se fai o 800 aniversario do nacemento deste. 

Após pasar por Compostela e Ourense, a cita en Lugo é o feche á programación organizada polo CCG co gallo desa celebración. As persoas que aínda non tiveran a oportunidade de achegarse á recompilación que se amosa poderán descubrir agora “a faceta humana e o legado político e cultural do monarca” na terra.

Haberá un programa de visitas guiadas e decorrerá un concerto sobre as Cantigas de Santa María.

Un estudo monográfico sobre a relación

Esta exposición vai en paralelo ao estudo monográfico presentado na terza feira polo Consello ao respecto do vencello do monarca co país. 

O obxectivo deste traballo feito por especialistas -e coordinado polo experto medievalista Simon Doubleday e José Miguel Andrade- é "desmontar tópicos" sobre o papel de Afonso X na suposta marxinación da Galiza "e, sobre todo, repensar o paradigma tradicional da historia" do país durante a Baixa Idade Media. 

Comentarios