Expo de Virxilio Viéitez e cinco relatorios sobre a súa obra

A mostra que acolle o Museo de Pontevedra complétase con cinco relatorios sobre a súa traxectoria e obra. O primeiro, con Ramón Villares o 13 de xaneiro. 

VIRXILIOvieitez
photo_camera Unha das imaxes da mostra

'Un fotógrafo de Galicia para América' é o título da conferencia que dará inicio ao ciclo de charlas para afondar na obra e na figura de Virxilio Viéitez, con motivo da exposición sobre o fotógrafo de Soutelo de Montes que acolle ao Museo de Pontevedra ata o 7 de febreiro de 2016. Esta primeira conferencia correrá a cargo de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, o 13 de xaneiro. 

O ciclo continuará o 14 de xaneiro, cunha charla a cargo de Manuel Sendón, profesor de Historia da Fotografía da Universidade de Vigo, que falará sobre 'A fotografía de Virxilio Viéitez. Do carné ao Museo'. O día 19 de xaneiro, será Miguel Fernández-Cid, director da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, o que diserte sobre 'Virxilio Viéitez. As imaxes e o ruído', e o 20 de xaneiro o escritor Suso de Toro falará sobre 'O fotógrafo dun tempo salvaxe'. O ciclo finalizará o 21 de xaneiro cun diálogo que leva por título 'Virxilio Viéitez: a súa obra e o seu tempo' e no que participarán o fotógrafo Miguel Vidal, o historiador e crítico de arte Ramón Rozas, e o director do Museo provincial Carlos Valle. 

Todas estas charlas terán lugar ás 20:00 horas no Auditorio do Sexto Edificio do Museo. A través desta serie de palestras e conversas, desde o Museo provincial promóvese o coñecemento ao redor da traxectoria de Virxilio Viéitez , afondando na súa obra, no que supón a súa figura como profesional da fotografía nun contexto histórico determinado, sobre todo nas décadas de 1960 e 1970, e nunha contorna xeográfica con marcado carácter rural. 

A expo

A exposición de fotografías de Virxilio Viéitez foi aberta ao público no Museo provincial o pasado 10 de decembro e desde a súa apertura xa contabilizou 1.434 visitas. A mostra recolle 118 imaxes de encargo, entre as que destacan as destinadas aos emigrantes galegos na diáspora americana e que constituían unha testemuña visual dos seus familiares na Galiza. Ademais das fotografías, a exposición tamén recolle o documental de José Luis López Linares 'Virxilio Viéitez. Más allá del oficio', do ano 2005. 

Virxilio Viéitez foi un fotógrafo rural que documentaba os momentos vitais máis importantes das familias pontevedresas, comuñóns, bautizos, vodas e funerais, e que destacou pola súa extraordinaria intuición para a posta en escena. Para esta mostra, levouse a cabo unha investigación que tivo en conta a práctica totalidade dos negativos datados entre 1953 e 1980 e recuperouse material inédito de caixas seladas e latas que contiñan metros de película que nunca foran positivados tras a súa primeira utilización, é dicir, logo do encargo do cliente da época. Na recuperación e selección deste legado, desempeñou un papel fundamental a filla do fotógrafo Keta Viéitez.

Esta mostra remata o seu periplo no Museo de Pontevedra tras un itinerario de cinco anos por distintos espazos expositivos do Estado entre os que destacan o MARCO de Vigo, o Espacio Fundación Telefónica de Madrid, a Fundación Provincial de Cultura da Diputación de Cádiz, a Hospedería Fonseca de Salamanca e a Biblioteca Pública del Estado de Zamora. 

Comentarios