"Exploración no baleiro", unha proposta na Fundación Granell para cambiar a mirada colectiva

Baixo o título de Exploración no baleiro, o Museo Fundación Eugenio Granell, de Compostela, acollerá este venres, ás cinco do serán, unha experiencia de diálogo na que se combinan as novas tecnoloxías e os formatos convencionais de comunicación.

Atlas na cima da Fundación Granell
photo_camera Atlas na cima da Fundación Granell

Concretamente, Carlos Arias (Lugo, 1959), que vén publicando artigos de opinión en Sermos Galiza e noutros medios dixitais, propón un intercambio aberto coas persoas interesadas nunha perspectiva integradora do desenvolvemento individual e colectivo, tal como se desprende do pensamento que trata de incorporar á súa produción.

Segundo opina, a Fundación Granell ofrece un espazo cargado de simbolismo para o propósito do coloquio: a obra pictórica dun membro esencial da corrente surrealista invita a abrir outra mirada sobre a realidade, onde os condicionantes adquiridos pola convención deixen paso á expresión dos sentimentos auténticos que xorden do ser humano, sobre os que se pode construír unha comunicación máis profunda entre as persoas. Por outra parte, a vertente ensaística de Granell, plasmada en infinidade de artigos na prensa e no seu libro El Guernica de Picasso –onde analiza as raíces profundas que conduciron ao golpe de estado de 1936 e á ditadura derivada del–, trata adoito da autenticidade revolucionaria, orientada por encima de todo ao desenvolvemento da liberdade, máis alá de rixideces ideolóxicas, contrarias aos obxectivos declarados.

O coloquio está aberto á participación e á expresión das formas nas que cada asistente perciba unha organización mellor dos recursos dos que dispoñemos para facer a pasaxe cara a unha sociedade verdadeiramente integrada, que abandone a competitividade individualista –cualificada por Arias de prehistórica- para entrar nun proceso de comprensión e de entendemento, no que se poidan sumar todas as enerxías arredor do obxectivo común de crear un benestar global, no que o individual terá moitas máis posibilidades de se realizar.

Licenciado en Filoloxía hispánica pola Universidade compostelá, Carlos Arias basea a súa proposta na potencia da palabra no mundo actual das grandes comunicacións. Amais disto, nos seus escritos incorpora experiencias de investigacións e formacións realizadas arredor das enerxías e dos estados de consciencia que abren as vías cara ao equilibrio da mente. Neste terreo, formouse, entre outras disciplinas, en meditación e nas propiedades do son sobre os distintos sistemas que se organizan no corpo físico, e das formas de acceder ao equilibrio no mundo actual, co ritmo da vida cotiá.

Comentarios