"A experiencia dime que canto máis traballas coas crianzas na banda deseñada, máis lles gusta"

O ilustrador Xosé Tomás, colaborador de Nós Diario, botou a andar un obradoiro de banda deseñada 'online', en aberto e para todos os públicos, co que poderemos aprender todos os pasos para crear a nosa propia banda deseñada. Conversamos con el sobre este e outros proxectos que ten entre mans, como 'Historias da fraga revirada', un volume moi persoal que pronto verá a luz en Galaxia. 
Xosé Tomás
photo_camera Xosé Tomás propón un obradoiro de banda deseñada, en aberto e para todos os públicos (CEIP Francisco Vales)

Por que un obradoiro de creación de banda deseñada?

Son profe nun cole, no CPI Manuel Suárez Marquier, no Rosal, onde tamén estou de director. Desde o colexio solicitamos un programa que sacou a Consellaría e que se chama "Clube de Letras", que consiste en desenvolver estratexias de lectura e de escritura para a rapazada. Nós, desde a equipa, á parte de traermos ao cole a escritora Antía Yáñez para dar un obradoiro de escrita creativa, que estivo xenial, estendemos a formación de banda deseñada a todo o cole, desde 1º de primaria até 4º da ESO. Queriamos facer unha especie de estratexia ben xeitosa de banda deseñada no noso cole, tamén coa adquisición de material para a biblioteca para que todo o mundo tivese os recursos necesarios. Mais xurdiu todo isto, o virus e o posterior confinamento. Aínda que o plan era dar obradoiros a todo o cole, como xa tiñamos todo planificado aproveitei esa información e fixen o curso de banda deseñada desde a casa para que chegue a todas as crianzas, para que se divirtan e aprendan ao mesmo tempo.

E decidiu facer a formación por entregas desde Youtube.

Si, de feito antes difundímolo desde o cole para todas as crianzas. O que acontece é que a cousa transcendeu e decidimos compartilo en aberto nas redes sociais para quen queira, tanto profes como alumnado ou calquera persoa curiosa. Esta primeira entrega que fixen é sobre tipos de viñetas, haberá máis: sobre planos cinematográficos, sobre bocadillos, que é moi divertido polo xogo de formas, e probabelmente tamén sobre creación de personaxes. Normalmente fago moitos obradoiros, o que fixen foi tirar desa experiencia e fragmentar a información nestes apartados, que son así os principais. 

Que lle diría ao profesorado para que se anime a usar a banda deseñada nas aulas?

 Levo moitos anos dando cursos a crianzas e a profes, a través de plataformas coma AS-PG, Nova Escola Galega, movementos de renovación pedagóxica. A experiencia dime que canto máis traballas con todos eles, tanto coas crianzas coma coas mediadoras, máis lles gusta. O que aquí sucede é que se le moi pouca banda deseñada (antes nós liamos moita máis), mais unha vez que se coñece logo si que engancha. Despois destes cursos van máis á biblioteca e piden este xénero, e é que cando abres o camiño decátanse de que é unha pasada. Logo hai outro problema de base, a pouca banda deseñada que se fai para idades máis temperás. Por unha banda, o mercado editorial ten que animarse a facer cousas para as máis pequenas e, por outra, a mediación tamén é moi importante porque achega coñecemento e abre portas.

Que nos recomendaría para comezar na banda deseñada? 

A min, persoalmente, fascíname e recomendo o Marcopola, de Jacobo Fernández Serrano. Paréceme que desenvolve unha liña limpa, como debe ser para as máis pequenas. Jacobo sabe conectar moi ben visualmente coas crianzas. Xerais ten, para pequenos, unhas cantas cousiñas feitas, e tamén Galaxia está comezando a abrir por aí. 

En que proxectos está traballando actualmente? 

Estou mergullado nun proxecto moi persoal, con Galaxia, que se titula Historias da fraga revirada. Son cinco contos que escribín eu e que estou ilustrando. Aparecerán como un volume só e terá un aspecto de caderno de campo. Sen didacticismos, mais si que me saíu a vea docente. Son personaxes dunha fraga un tanto diferentes ao que a xenética lles marca, que fan un pouco o que queren. Hai un lobo vexetariano, unha barbantesa que decide non ser unha asasina... Personaxes e historias un pouco tolas, que rompen os moldes. E tamén estou con Embora, con Pequena historia da Coruña, unha historia ilustrada desa cidade. 

Comentarios