CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Exodus'

Andrés Castro achéganos ao último filme de Ridley Scott. Unha revisión do mito de Moisés.

Exodus

EXODUS: DEUSES E REIS
Título orixinal
: Exodus: Gods and Kings
Ano: 2014
Duración: 150 min.
Nacionalidade: estadounidense
Director: Ridley Scott
Guión: Jeffrey Caine, Bill Collage, Adam Cooper e Steve Zaillian
Fotografía: Dariusz Wolski
Música: Alberto Iglesias
Elenco: Christian Bale, Joel Edgerton, Aaron Paul, Sigourney Weaver, John Turturro, Ben Kingsley, María Valverde, Ben Mendelsohn, Indira Varma, Golshifte Farahani, Andrew Tarbet, Anton Alexander

SINOPSE
Moisés (Christian Bale) enfróntase ao faraón exipcio Ramsés (Joel Edgerton) para que libere aos escravos hebreos e lles deixe ir na procura da súa terra prometida: Canaán.

CRÍTICA
Moito esperábase deste revisión do mito de Moisés e do éxodo do pobo hebreo fuxindo da escravitude dos exipcios filmado polo grande Ridley Scott (Alien¸ Blade Runner), pero hei de dicir, moi ao meu pesar, que Exodus: Deuses e Reis é probablemente a maior decepción do ano. Vaiamos por partes… En primeiro termo o casting de actores rechía bastante: un faraón Seti (pai de Ramsés) ‘italianizado’ na pel de John Turturro; unha Tuya (esposa de Seti) interpretada por Sygourney Weaver, que parece que pasaba por alí; un Aaron Paul (o de Breaking Bad) que se lle nota tan perdidiño, ou colgado, coma na serie que o lanzou á fama; un Ramsés que encarna Joel Edgerton (o tío Owen da triloxía ‘moderna’ de Star Wars) que ben se merece unha nomeación para os Razzie (os anti-Óscar); e un Christian Bale que apenas muda a pose Batman para facer de Moisés. 

Actuacións telenovelescas con nula profundidade dramática. Sálvanse un pouco da queima María Valverde e, como non, Ben Kingsley

Actuacións telenovelescas con nula profundidade dramática. Sálvanse un pouco da queima María Valverde e, como non, Ben Kingsley. Por outra banda os efectos especiais semellan sacados da triloxía de O Señor dos Aneis, ou mellor dito, d’O Hobbit. É moi curioso que desenrolándose a acción ás beiras do Nilo, en pleno deserto, case sempre estea anubrado. Iso cheira a que hai detrás unha pantalla verde coma un mundo. E canta porque por moi conseguidos que estean os efectos especiais (que o están) os xenios da informática aínda non foron moi capaces de reproducir con éxito a claridade da luz do sol. Por iso colocan estratexicamente unha nube (ou fume) que faga que a tonalidade luminosa sexa o máis parecido á  conseguida cos ordenadores. E debe haber un lote de efectos por ordenador porque sempre está anubrado. 

Non só no momento das pragas… sempre! Non me podo crer que con tanto presuposto ninguén se decatara deste ‘pequeno detalliño’. Isto, loxicamente, nos leva ao seguinte punto que, case de seguro, vos estades preguntando: ‘a escena do Mar Vermello fai esquecer á de Charlton Heston?’ Ben, como dicilo suavemente: NON. Facendo un símil fácil: Ridley Scott afúndese nun mar de pantallas verdes. Unha verdadeira pena, porque a historia si ten un interesante ton ateo/agnóstico que podía digno dun filme mellor conxuntado. De feito, segundo o propio director: “a relixión é a maior fonte do mal”. 

Así que en lugar de facer o típico filme Bíblico, decántase polo escepticiscmo científico para explicar as 10 pragas de Exipto, a apertura do Mar Vermello, a creación das táboas dos Mandamentos e incluso as aparicións de Deus. Deixando, iso si, unha porta aberta para @s crentes, aínda que dubido moito que queden moi satisfeitos cunha visión dun Deus vingativo con aparencia de neno cabrón. Mágoa que a cousa non dea para moito máis. Con todo as 2 horas e media que dura a película pasan bastante rápido con apenas un par de bocexos. Mais a sensación final é de completa perda de tempo, que se quedaron moitas cousas na sala de montaxe e, sobre todo, que acabamos de presenciar un conto mal contado… ou sería esa precisamente a intención de Ridley Scott?

Fe de erros

Na crítica da pasada semana, referida á película "Os fenómenos" anotábase que o tema final era do grupo Di Elas cando corresponde ao disco "Grecia" de Das Kapital. 

Comentarios