Anxo Cabada, presidente do Ateneo Atlántico de Vigo

Anxo Cabada: "Existe un enorme abandono, como se a cultura xa non tivese vida"

Conversamos con Anxo Cabada, fotógrafo e presidente do Ateneo Atlántico de Vigo, que vén de publicar a revista Ateneo na casa 2020. Cabada pon de manifesto que a cultura é un dos sectores máis afectados pola pandemia e que se deixou moi abandonada por parte das institucións. Afirma que a capacidade de diálogo se está a perder e engade que "desde o Ateneo intentamos manter ese foro de debate e de coñecemento". 
O presidente da asociación é un recoñecido fotógrafo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente da asociación é un recoñecido fotógrafo. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

Hai un par de semanas publicouse a revista Ateneo na casa 2020, en que consiste?
Cando comezou a pandemia, consideramos que había que seguir funcionando, que non podiamos perder o contacto coas persoas que apoian a cultura en Vigo. Por iso sentimos a necesidade de continuar presentando proxectos, e así xurdiu a idea de publicar a revista. O seu obxectivo é impulsar a cultura nesta situación. As institucións, tanto autonómicas como estatais, parece que a deixaron de lado.

Os que formamos parte do Ateneo cremos que a aposta pola cultura debe ser unha aposta social e de compromiso, non podemos deixarnos levar. Debemos facer unha resistencia activa, por iso tratamos de intervir en todos os foros e actividades que teñan que ver co proceso de acadar coñecemento.

Quen participa na revista?
Invitamos os socios e socias do Ateneo para participar mediante traballos literarios. As historias que se foron creando eran tan interesantes que consideramos que tiñan suficiente valor como para darlle unha maior visibilidade e apostamos pola revista. Vivimos en tempos nos que as pantallas nos invaden e consideramos que a escrita, e a cultura en xeral, debe ter vida. A revista presenta diferentes seccións resultantes dunha serie de exercicios literarios, como a creación de haikus, que levamos a cabo en reunións organizadas polo Ateneo. Quedamos realmente sorprendidos pola capacidade de resposta e a calidade que demostrou a xente que participou. No que se refire á temática dos textos, céntrase no confinamento e na situación de pandemia que vivimos, nesa sensación de sentírmonos prisioneiros nas nosas propias casas.

Avante Media 

Como levou, e está levando, o Ateneo a situación dada pola Covid?
Pois con moitos plans alternativos. Non queriamos esvaecer polo tema da pandemia, por iso seguimos propoñendo temas a través das redes. Seguímonos movendo. Agora baixamos o nivel de actividades de atención ao público pero estamos activos noutros medios. Intentamos que non esmoreza a nosa presenza na cidade. Non podemos facer plans a longo prazo pero si temos novos proxectos que desenvolvemos en relación a diferentes temas de actualidade.

De feito, vimos de comezar un ciclo referido á historia da cidade de Vigo. Como ultimamente non nos podemos xuntar nin discutir, a capacidade de diálogo estase a perder. Por este motivo, nós seguimos achegando temas para que non deixemos de intervir na nosa historia. Todos os cidadáns e cidadás intentamos ser activos e que se teña en conta a nosa opinión. Temos que entender a cidade como unha ágora de discusión e non deixar que nos dean todo o traballo empaquetado e feito. Debemos ser críticos. Desde o Ateneo, intentamos manter ese foro de debate e de coñecemento. 

Avante Toda

Como de importantes son este tipo de proxectos para impulsar a cultura? 
Penso que todas as persoas que participamos na cultura nos sentimos moi soas. Existe un enorme abandono, como se a cultura xa non tivese vida. Pero claro que a ten, xa o vemos cos premios que están recibindo moitos compañeiros e compañeiras do sector. Isto demostra que realmente temos un potencial creativo moi grande. Nós intentamos achegar o noso gran de area para que o éxodo creativo que se está a vivir se cuestione e se teña máis en conta o valor da xente que traballa activamente nos eidos da cultura.

É unha tristeza que todo ese potencial marche fóra. Debemos acoller estas persoas, defendelas e visibilizalas. Por iso intentamos pór en valor este tipo de problemas que afectan á vida diaria da cidade e ao seu futuro, que se presenta moi difícil.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios