A executiva da Academia tenta desmarcarse da elección de Filgueira Valverde

Nun xesto inédito, a executiva da Real Academia Galega saíu ao paso da polémica suscitada pola designación de Xosé Filgueira Valverde para o Día das Letras Galegas de 2015. Explican que ningún dos seus membros avalou a candidatura, mais aclaran que “asumen” a decisión do plenario. 

A designación do autor ao que se lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas está a provocar episodios até agora nunca producidos na historia da Academia Galega. Cinco días despois de darse a coñecer o nome de  Filgueira Valverde como homenaxeado para o 2015, a executiva saíu ao paso da polémica a través dun comunicado para explicar que ningún dos seus membros avalou a súa candidatura e só se limitaron a cumprir o regulamento da institución. No entanto, din asumiren a decisión do Plenario de dedicarlle a celebración a esta “importante personalidade das nosas letras”. 

Singular é tamén que a Academia faga públicos os avais de cada un dos candidatos presentados á elección. Nun comunicado, a Comisión Executiva indica os nomes dos membros da Academia que avalaron cada un dos candidatos, un xesto único tamén no proceso de elección da persoa homenaxeada o 17 maio. Segundo informan, Xela Arias Castaño foi avalada polos académicos Xosé Ferreiro, Ramón Lourenzo e Antón Santamarina; Carvalho Calero por Francisco Fernández Rei, Manuel Lourenzo e Euloxio Rodríguez Ruibal; Celestino Fernández de la Vega por Rosario Álvarez, Andrés Fernández-Albalat Lois e Andrés Torres Queiruga; Manuel María por Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey, Xosé Luís Regueira  e Margarita Ledo e Xosé Fernando Filgueira Valverde por Xosé Ramón Barreiro , Francisco Díaz Fierros, Pegerto Saavedra e Ramón Villares Paz.

A Comisión Executiva quere, a través do comunicado, aclarar o proceso de elección que, segundo lembran, depende do propio Plenario. Informan tamén de que a votación final se decidiu entre Xosé Valverde e Celestino  de la Vega, dato que a RAG non fixera público até agora.

Nota aclaratoria
Cos dados dos que dispuña nese momento, Sermos Galiza publicou días atrás que a de Carvalho Calero fora a candidatura "finalista" e alternativa a de Filgueira Valverde na votación definitiva para nominar a persoa á que se lle dedicaría o Día das Letras Galegas 2015.

En realidade, e tal e como esclarece oficialmente a RAG nunha nota feita pública esta tarde, Carvalho Calero non chegou á última votación. Quen o fixo foi Celestino Fernández de la Vega.

A confusión que deu lugar a este erro, que lamentamos, ten a ver co feito de que por vez primeira a candidatura de Carvalho Calero tivera un apoio considerábel no plenario da RAG, o máximo de todas as veces que fora presentado, como foi informado a este medio por fontes da propia Academia que manifestaron tamén ter votado pola candidatura do investigador e escritor de Ferrol.

Comentarios