Apoian a candidatura 13 académicas

A Executiva da Academia aposta en Carvalho Calero para o Día das Letras de 2020

Todo apunta a que Ricardo Carvalho Calero será a persoa a quen se lle dedique o Día das Letras Galegas de 2020. Trece integrantes da RAG, entre eles a Executiva, presentaron unha outra proposta sobre o ferrolán, alén da rexistrada por nove académicas e académicos e da que informara Sermos Galiza na mañá da terza feira.

Carvalho Calero
photo_camera Un mural onde se pedía o Día das Letras Galegas 2017 para Carvalho Calero.

O nome de Ricardo Carvalho Calero soa con forza para protagonizar o Día das Letras Galegas en 2020, ano en que se fan 30 do seu falecemento. Na mañá desta terza feira, Sermos Galiza daba conta da proposta asinada por nove académicas e académicos para o promover como candidato. Horas despois tivo coñecemento de que foi rexistrada unha outra candidatura coa sinatura de 13 membros da RAG para que ao ferrolán se lle dedique o Día das Letras o ano que vén.

Fontes consultadas salientan que Margarita Ledo, Xesús Alonso Montero e Ramón Villares impulsaron a candidatura que conta co apoio da Executiva da Academia, formada por Víctor Freixanes, presidente; Henrique Monteagudo; Marilar Aleixandre, Andrés Torres Queiruga e Fina Casalderrey. Entre as 13 sinaturas tamén se atopan as de Luz Pozo Garza, Pexerto Saavedra, Francisco Díaz-Fierros, Xosé Luís Franco Grande e Salvador García-Bodaño, quen tamén apoiou a listaxe das nove académicas e académicos.

“Cando rexistramos esta proposta non había aínda ningunha outra formalizada”, informan fontes próximas á candidatura apoiada pola Executiva. Salientan que “houbo un intento de presentar por consenso a proposta de Carvalho Calero”. “Sería bo que se fixese de maneira conxunta para disipar calquera dúbida a respecto do apoio a Carvalho Calero”, acrecentan.

Na candidatura impulsada por Ledo, Villares e Alonso Montero póñense de manifesto as contribucións do ferrolán á lingua e o seu traballo na elaboración das gramáticas, así como o seu papel intelectual e de persoa defensora do galego.

Que supoñen as dúas propostas?

Fontes da Academia afirman que a presentación de dúas candidaturas sobre Carvalho non representan problema ningún, pois “en ningún momento se vai votar por unha banda a proposta maioritaria e pola outra a minoritaria”. Votarase, chegado o momento, o nome de Ricardo Carvalho Calero que, á vista dos apoios, todo apunta a que será o protagonista do Día das Letras Galegas 2020.

Desde, cando menos, 2005, o de Carvalho Calero é nome habitual entre os candidatos ás Letras

Desde, cando menos, 2005, o de Carvalho Calero é nome habitual entre os candidatos ás Letras. Aquel ano presentouno o académico Xosé Luís Axeitos. En 2018 volveu impulsalo o propio Axeitos, así como Xosé Ramón Barreiro FernándezFrancisco Fernández ReiManuel RivasManuel GonzálezChus PatoXosé Luís Regueira Euloxio Ruibal. O 29 de xuño a RAG informaba nun comunicado que elixiría entre Carvalho Calero e Antonio Fraguas o protagonista de 2019. O 7 de xullo de 2018 facíase pública a escolla do estudoso de Cotobade.

Nunha entrevista publicada por Sermos Galiza, Freixanes amosábase convencido de que Carvalho Calero sairía elixido

Nunha entrevista publicada no número 338 de Sermos Galiza, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, sinalaba que “a nivel institucional, creo que todos somos conscientes de que a figura de Carvalho conta con méritos abondo para merecer o Día da Letras como intelectual e persoa comprometida coa cultura e a lingua do país”. Advertía de seren conscientes de que "dedicarlle o día a Carvalho Calero é abrir, se non un debate, si un horizonte en que a Academia debe ter unha posición moi clara e definida. A Academia non pode sementar a confusión”.

Carvalho tivo ao final da súa vida, salientaba, “unha opción respectábel, que defende un sector da intelectualidade galega, unha opción que implica un modelo ortográfico distinto do que historicamente defende a RAG”. “A Academia ten que saber que cando presenta publicamente unha figura como a de Carvalho podería estar presentando tamén este debate. É unha reflexión interna que non é a primeira vez que facemos. Eu non lle teño medo ningún, pero debemos ser claros diante da sociedade”, engadía.

Freixanes: Non me gustaría nada empezar a labazadas entre uns e outros na cara do vello profesor. Don Ricardo non merecería iso

A nivel persoal, Freixanes manifestaba estar convencido de que Carvalho sairía elixido. “Cando? Gostaría que fose máis antes que despois, pero son os académicos os soberanos e hai que valorar todas as posicións”. “Cando o poñamos enriba da mesa, e espero que o poñamos, temos que ser moi conscientes de que discurso levamos á sociedade, porque non me gustaría nada empezar a labazadas entre uns e outros na cara do vello profesor. Don Ricardo non merecería iso”, apuntaba o académico.

Comentarios