CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Ex_Machina

Ciencia ficción con intencións existencias e até filosóficas. Esa é a proposta do noso crítico de cabeceira para esta fin de semana. 

EX MACHINA
photo_camera EX MACHINA

EX_MACHINA

Ano: 2015
Duración: 108 min.
Nacionalidade: británica
Director: Alex Garland
Guión: Alex Garland
Fotografía: Rob Hardy
Música: Geoff Barrow e Ben Salisbury
Elenco: Domhnall Gleeson, Alicia Vikander, Oscar Isaac, Sonoya Mizuno, Corey Johnson,

SINOPSE

Caleb (Domhnall Gleeson) é un programador informático invitado por Nathan (Oscar Isaac) un xenio da telemática e xefe da multinacional para a que traballa, para que faga o test de Turing a Ava (Alicia Vikander), un robot con intelixencia artificial de última xeración que acaba de deseñar. O obxectivo é dilucidar, sen xénero de dúbida, que pode pasar por un ente intelixente.

CRÍTICA

Outra máis que se suma á moda dos últimos meses de películas de robots: Autómata, Big Hero 6, Chappie, e algunha máis que está en camiño... Porén, Ex_Machina anda máis na liña do mito de Prometeo tipo Blade Runner, salvando as distancias, claro, e cun ton británico e ambiente máis intimista. O afán altruísta ou comercial muda aquí nunha megalomanía por pasar á historia coma un deus que crea vida da nada. Vida electromecánica pero vida á fin e ao cabo. Un ser moito máis evolucionado que suporá un novo elo na cadea evolutiva que acabará por substituír á raza humana nun futuro non moi remoto. Nathan, un xenio da informática, constrúe un(ha) robot practicamente perfecta. Para demostrar que é o modelo definitivo fai un sorteo para que un dos seus empregados visite a súa mansión de máxima seguridade para coñecer o proxecto de primeira man. O afortunado é Caleb, un dos seus mellores empregados que ten a misión de facer o test de Turing (si, o mesmiño de The Imitation Game) e demostre a existencia de intelixencia no robot. Un robot chamado Ava -en clara referencia a Eva- con cara, mans e pés de carne, pero o resto salta á vista que é un androide. A dificultade que ten Caleb é a de que, pese á evidencia de que é unha máquina, ten que detectar unha intelixencia e sensibilidade incuestionable que faga imposible diferenciala dun humano. Duelo de personalidades entre Oscar Isaac (A Propósito de Llewyn Davis), como o excéntrico xefe con problemas de alcoholismo, e Domhnall Gleeson (Unha Cuestión de Tempo), como o miñaxoia e coitado empregado que irá descubrindo que non todo é o que parece. A terceira en discordia é a sueca Alicia Vikander (Un Asunto Real), que fai un excelente traballo poñéndose na pel -nunca mellor dito- da androide Ava, unha sorte de Madame Bovary na procura dunha ansiada liberdade, que non acaba de chegar nunca, pola que loitará con todas as súas armas ao seu alcance. E non precisamente armas bélicas ou superforza, senón outras ben distintas: empatía, manipulación e toda a sexualidade da que foi provista polo seu creador.

Diálogos áxiles, intriga in crescendo, boas interpretacións e uns efectos especiais de gran calidade que buscan o maior realismo fuxindo do alardes dixitais

Aparte das claras referencias que nos levan a pensar en Blade Runner ou Frankenstein, hai algún deixe de Her, Intelixencia Artificial e incluso da oitenteira Weird Science. Interesante posta en escena e notable debut como director de Alex Garland, que fora guionista de 28 días despois e Sunshine, ambas de Danny Boyle, ademais de escribir A Praia, novela que tamén leva ao cine Boyle no ano 2000. Firma tamén o guión de Ex_Machina optando por unha trama secuencial onde os días transcorren a medida que avanza a historia. Só aprezamos detalles do pasado a través de gravacións de vídeo ás que accede o bo de Caleb. Diálogos áxiles, intriga in crescendo, boas interpretacións e uns efectos especiais de gran calidade que buscan o maior realismo fuxindo do alardes dixitais. Probablemente por ser unha película europea, hai ese bon costume de non explicar “todo” tratando ao espectador co respecto que se merece. E por isto precisamente non se entende moi ben porque no final cambia de criterio e opta por explicar uns feitos que ben podería resolver da mesma maneira que o resto do filme e que ademais, ao meu parecer, provocan un fallo de guión bastante grave que fai cambalear toda a trama. Fallo, insinuación de secuela ou quizais premeditado? Insinúa acaso un erro humano como se o propio director estivese poñéndose a proba no test de Turing? Fora como fose a película provoca debate, tanto en se é erro ou non, como en varios temas existenciais, filosóficos e de xénero... e iso é xa todo un logro. Altamente recomendable para amantes da ciencia ficción reflexiva.

Comentarios