CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Everest'

Andrés Castro lévanos até o cumio máis alto da man do filme de Baltasar Kormákur. 

Everest

EVEREST
(Estados Unidos 2015, 121 min.)
Dirección: Baltasar Kormákur
Guión: Simon Beaufoy e William Nicholson
Fotografía: Salvatore Totino
Música: Dario Marianelli
Elenco: Jason Clarke, Josh Brolin, Jake Gyllenhaal, Michael Kelly, Emily Watson, Keira Knightley, Robin Wright, Thomas M. Wright, Sam Worthington, Martin Henderson, Elizabeth Debicki, John Hawkes, Naoko Mori, Ang Phula

SINOPSE
En 1996 dúas expedicións atópanse na subida ao monte Everest. Tras enfrontarse a multitude de obstáculos no ascenso topan cunha das peores tormentas de neve que se lembran. Baseada en feitos reais. 

CRÍTICA 
Conta a lenda que cando lle preguntaron a un alpinista moribundo que volveu do Everest “por qué subiches aí para morrer?”, este, co último fío de voz que lle quedaba respondeu: “non subín para morrer... subín para vivir”. Esa é a idea que quer transmitir esta superprodución, de 55 millóns de dólares, que recrea unha das catástrofes máis mediáticas acontecidas no cumio máis alto do planeta: a historia de dúas expedicións que quedaron atrapadas por unha tormenta de neve no descenso do monte Everest. 

"Diálogos insulsos, lugares comúns e posicións forzadas perante a cámara nunha sorte de clase introdutoria de alpinismo"

O primeiro que chama a atención é que estea rodada en 3D. O segundo é que conten cun director semidescoñecido coma o é o islandés Baltasar Kormákur. Un director que sorprendera co debut 101 Reykjavik seguida dunha serie de filmes irregulares ata o repunte da arriscada The Deep: unha fita de superación e supervivencia sobre un naufraxio nas xélidas augas do Mar do Norte que estivo nomeada aos Premios de Cinema Europeo no 2013 e que, de seguro, foi determinante para a súa escolla como director de Everest; mais semella que o proxecto debeulle quedar grande... Comeza a historia case como unha guía turística dos lugares por onde pasa o protagonista Rob Hall, interpretado por Jason Clarke (Terminator Xénese), desde a partida desde Nova Zelandia ata Katmandú, matizada por unha serie de datas consecutivas con apenas 30 segundos entre unha e outra. Apenas da tempo a situarnos. A presentación de personaxes tamén deixa moito que desexar. 

Everest1Diálogos insulsos, lugares comúns e posicións forzadas perante a cámara nunha sorte de clase introdutoria de alpinismo. En pouco menos de media hora a sensación de tedio comeza a loitar coa ansia de que logo vamos ver algo espectacular... Pois, nada máis lonxe. Apenas un par de escenas decentes ás que lle da mil voltas calquera das palomiteiras, e infravaloradas, Límite Vertical (2000, Martin Campbell) ou Máximo Risco (1993, Renny Harlin). Calquera delas describe mellor a dureza desta disciplina que Everest. Por se fora pouco xa a decepción de espectacularidade desaproveitada, a trama é confusa. Demasiadas personaxes que aparecen e desaparecen na historia que, por riba, cambian moi rápido de lugar e moitas das veces levan a cara tapada, o cal acrecenta esa sensación de desconcerto. 

Nin aproveita as bondades do reclamo en 3D que prometían ver o monte Everest como nunca antes se vira na gran pantalla, nin tampouco sabe dar toda a profundidade necesaria a unha historia real con moita chicha, nin hai empatía algunha coas personaxes e, sobre todo... non hai a máis mínima sensación de vertixe! Unha historia de superación plana de telefilme de sobremesa con moita cara coñecida e pouco máis. En fin, se querían facer unha homenaxe ás vítimas desta catástrofe, quedoulles a cousa moi frouxa. En calquera caso, os que se se dedican a este deporte, ou mellor dito, os que levan este modo de vida, encontraranlle algún punto...

Comentarios