Contracultura

Evaristo Calvo: "Os dirixentes da dereita actual son xente pouco culta e pouco comprometida coa cultura galega"

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) vén de dar a coñecer que a edición de 2022 xa ten Xograr de Outono: Evaristo Calvo. "Coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, Evaristo soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo hoxe un dos cómicos de referencia no teatro galego", sinalou o xurado.
Evaristo Calvo, nunha imaxe de arquivo, nunha gala dos María Casares. (Foto: Corsino)
photo_camera Evaristo Calvo, nunha imaxe de arquivo, nunha gala dos María Casares. (Foto: Corsino)

—Como recibe esta homenaxe dos compañeiros da profesión?
Pois con moito agradecemento, como é lóxico. Son os teus pares os que recoñecen o teu traballo, aínda que moitos deles son máis mestres que pares. E precisamente por iso, pensas: Se os mellores considérante dos teus é que non o fas tan mal [risas]. Ao público pode gustarlle máis ou menos o que fas, pero o recoñecemento da profesión sempre é importante.

—Este recoñecemento súmase á súa elección para redactar o Manifesto do Día Mundial do Teatro o ano pasado.
Iso recibino máis como un embolado: Redactar un texto que vai ter unha certa repercusión xera máis dúbidas. Aquí trátase de que moitos dos que fan o mesmo ca ti identifican o teu traballo como válido.

—Ademais, celebra o trixésimo aniversario de Mofa e Befa, probabelmente o proxecto que máis éxitos lle deu. O humor nunca falla?
Mofa e Befa é o proxecto máis lonxevo e é lóxico que sexa o que deu máis alegrías. Pero iso non quita que sexan trinta anos e que sigamos aí. O humor é importantísimo na vida e por iso debe selo tamén no teatro. No fondo, a vida é tremendamente decepcionante para todos, o paso dos anos erosiona a maioría das ilusións. E a forma máis intelixente de enfrontarse con ese devalar é verlle o lado cómico,  facerlle fronte con humor.

—Vostede comezou nun momento en que o teatro galego nacía tamén con moitas ilusións. Como cambiou nestas catro décadas?
Creo que é máis variado, que existe unha maior diversidade nos escenarios que cando eu comecei. Hai moitas formas distintas de facer teatro e todas teñen o seu lugar. Tamén creo que se arrombaron moitos prexuízos sobre a comedia, sobre ese emprego do humor do que falabamos. Segue habendo pequenas seitas e moita maledicencia, pero sospeito que iso é unha cousa da idade: creo que a medida que envellecemos facémonos máis tolerantes e que comprendemos mellor as razóns dos públicos, das opinións expertas... Aceptamos mellor que o que facemos non sempre lle guste a todo o mundo.

—Tamén aumentou a precariedade: O teatro ten uns orzamentos case ridículos se os comparamos cos que se manexaban na década de 1980. 
Porque antes había unha clase política diferente. Aquí sempre, ou case sempre, gobernou a dereita. Pero era unha dereita que defendía un certo nacionalismo cultural, que non tiña complexos en reivindicar unha cultura propia. Os gobernantes da dereita actual son xente moi gris, moi pouco culta e, desde logo, moi pouco comprometida coa cultura. Laminaron todo o que cheirase a galego. Hai pouco comentaba con Carlos Callón, medio de broma, que quen nos ía dicir que iamos botar de menos a xente como Vázquez Portomeñe ou mesmo o propio Fraga! [risas]. Eu, en realidade, son un nostálxico dos anos do bipartito. Creo que aí se tocou algo que lle permitía a cultura galega traballar sen ningún complexo, dunha forma aberta e universal.

—Laminaron a cultura pola vía orzamentaria.
Claro. Mira, eu participei hai pouco na adaptación de A peste de Camus que dirixiu Cándido Pazó para o Centro Dramático Galego. Creo que foi unha das mellores montaxes do CDG dos últimos anos, pero por problemas orzamentarios, non puido xirar, só se puido ver en Santiago. E estou convencido de que esa montaxe podía ser unha marca de país, algo do que estar orgullosos. Pero esa asfixia -política e económica- é constante e afecta tanto aos centros institucionais como ao resto das compañías. 

Comentarios