CULTURA

Eva Veiga gaña o Cidade de Ourense, o seu terceiro premio en dous meses

Eva Veiga gaña o Cidade de Ourense, o seu terceiro premio en dous meses

A poeta Eva Veiga leva os dous meses máis intensos en premios da súa traxectoria literaria. Pouco máis de mes e medio despois de gañar o da Asociación de Escritores en Lingua Galega e o do Concello de Carral, suma agora o Premio de Poesía Cidade de Ourense con Silencio percutido. 

evaveiga
photo_camera evaveiga

A XXXI edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense foi para unha poeta que suma, con este, tres premios literarios en menos de dous meses. A escritora Eva Veiga gaña este novo edición do certame con Silencio percutido, unha obra que mereceu o aplauso unánime dun xurado composto por Miguel Anxo Fernán Vello, Irene Vieiga Durán, Edelmiro Vázquez, Rochi Nóvoa e Xavier Rodríguez Baixeras, gañador da edición anterior, coa técnica Mónica Fernández e o Concelleiro de Cultura, Francisco González como secretaria e presidente. 

Segundo o xurado, a nova obra de Veiga contempla “matices de fonda reflexión e sensorialidade, mantendo en todo momento un exercizo de linguaxe e depuración expresiva”. O novo libro da autora, Silencio percutido gaña o premio apenas mes e medio despois de que Eva Veiga se fixera co premio Concello de Carral co seu oitavo libro, Soño e vértice, noticia que se facía pública tan só tres días despois de que a creadora recollera en Lugo o premio da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) na modalidade de poesía polo seu libro A distancia do tambor, considerado, polos votos de socios e socias, como o mellor libro do pasado ano no xénero. Co libro, Eva Veiga xa conseguira o premio Fiz Vergara Vilariño o ano anterior. 

A condición de poeta

Co gallo dos dous premios, o semanario Sermos Galiza publicou no seu número 147 unha entrevista coa autora ademais dun adianto editorial de Soño e vértice. “O que quero dicir só atopa adecuación na poesía. A súa condición de esencial gústame, porque chega ao corazón das cousas. Permíteme ese traxecto, esa viaxe; un diálogo enriquecedor e revelador entre a razón e o sentimento. Para o meu ver, o principal é o sentir, o contacto co mundo. Aí está a raíz, a fonte. A poesía é unha experiencia persoal que non é preciso vivir, senón que abonda con empatizar co resto do mundo”, explicaba entón a poeta ao falar do que era o seu oitavo libro. 

“A razón permite non me identificar absolutamente co sentimento, porque se o fixese, a miña codificación podería non ser correcta ou adecuada. A linguaxe, que é o que somos, precisa unha depuración constante, un estado crítico, de emerxencia, para que o que sintas sexa de verdade. Na poesía a palabra ten que ser libre, e cando se converte en refén do pensamento ou do sentimento, nótase. A min sérveme para medrar, para ser mellor persoa, máis feliz. A poesía é un modo de ver, de percibir o mundo. Considérome poeta nese sentido”, defenda a escritora, que explicaba desta maneira a súa condición de poeta. 

comentarios