Eva Méndez Doroxo, poeta: "A poesía foi antes que a palabra na miña vida"

Eva Méndez Doroxo, poeta (E. Méndez)
photo_camera Eva Méndez Doroxo, poeta (E. Méndez)

Encadrar a Eva Méndez Doroxo non é doado. Artista multidisciplinar pasou por varios proxectos colectivos en Barcelona e, a partir de 2006, na Galiza. Teatro, pintura, encadernación (por amor aos libros) e sobre todo a poesía como elemento vertebrador do seu universo creativo son os seus lugares comúns. A medio camiño entre Pontevedra e Navia de Suarna, admira que nos tempos que corren haxa proxectos que reactiven o noso rural e dean azos a voces que aínda non tiveron a posibilidade de saír á luz.  

De que maneira moldeou a súa personalidade o feito de ser filla de emigrantes en Barcelona?

Criarme entre Barcelona e O Tabillón. Até a miña adolescencia pasaba seis meses na Galiza, entre vacacións e outras circunstancias. Ese choque de culturas tan grande entre unha gran cidade e a aldea que quedaba nos Ancares. Até os 14 anos non tivemos baño nin televisión na casa. Había moito traballo manual e non entraba a maquinaria. Todo iso foi básico no desenvolvemento da miña personalidade. En Catalunya estaba o meu lugar de estudo mais a miña vida real era na aldea. Coido que esta bagaxe aparece na miña obra.

Participa da grande actividade cultural galega en Barcelona no cambio de século. Valorouse na Galiza ese traballo colectivo da emigración?

A valixa telúrica desaparecida, da que falan escritores como Ánxel Fole, está intacta en Catalunya nas fillas e fillos da emigración. Tivemos unha experiencia directa transferida das vivencias da nosa familia e viñemos ás aldeas que quedaron intactas a partir dos anos 70. A nosa identidade como galegas, que ás veces semella que aquí se quere destruír, fora da Galiza quedou intacta. Foron anos que cadraron con cambios políticos importantes na Galiza e Catalunya. Penso que si que se valorou e que se segue a valorar todo ese traballo.

Que achegou a poesía á súa vida?

Sempre foi inconsciente. A poesía foi antes que a palabra na miña vida. No rural, a transmisión oral foi moi importante para min. Todas temos poesía desde que nacemos. Os arrolos son poesía. O pobo galego é moi poético por esa tradición histórica que temos baseada na transmisión oral.

A súa obra traspasa as palabras e entra no terreo das artes plásticas. Cal é a razón de ir máis alá da escrita?

A poesía sáeme sempre en galego aínda que tamén teño textos en catalán. Estiven sempre arroada de natureza e de arte. Tiven a sorte de que na miña escola catalá potenciaron as artes plásticas. Foi unha semente que cando me fixen maior agromou e decateime de que coa palabra non me chegaba. Por este motivo comecei a pintar. Logo, como son unha fanática dos libros, estudei encadernación. Procuraba a arquitectura do libro, seguir todo o proceso. Ampliou a maneira de expresarme. 

Como ve o panorama cultural desde a súa experiencia? 

Están a saír moitos proxectos artísticos e de desenvolvemento cultural que, desde a miña experiencia persoal, xa soñara cando estaba na Catalunya. Por exemplo en Navia de Suarna o de Oliver Laxe, unha idea que me foi imposíbel desenvolver cando cheguei á Galiza en 2006. A nivel de literatura hai moita xente que está a publicar obras moi interesantes que coñecín a través da editorial Urutau. Hai outras editoras tamén que están apostando por xente non tan coñecida na poesía actual ou que procedan de premios literarios. Está todo moi vivo.

Ás veces penso que unha contracorrente moi importante ao que está a acontecer no panorama político galego, onde unha formación política como o PP, que oprime lingüisticamente e culturalmente as nosa raíces. Para min é unha mágoa non poder participar de moitas xuntanzas que hai coa actual pandemia. Non temos que envexar nada a outros lugares como Catalunya, malia o grande apoio que hai alí a nivel social e político. Sacar un libro de poesía en galego aquí segue a ser un acto case de militancia e alá é algo normal. Ás veces miramos moito para fóra cando aquí se está a facer un traballo incríbel. Falta que lle deamos visibilidade.  

Comentarios