“Eurozone” vence con doce candidaturas nos finalistas aos María Casares

A montaxe “Eurozone” de Chévere convértese no espectáculo que máis candidaturas acada para optar á XVIII edición dos Premios María Casares de Teatro. “O home almofada” con seis e “As do peixe” e “Bye, Bye Honey” con cinco seguen na listaxe que fixo pública a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). 

.Guillermo Carbajo, Vicente de Souza, Vicky Pérez e Avelino González
photo_camera .Guillermo Carbajo, Vicente de Souza, Vicky Pérez e Avelino González

A doce premios concorre a montaxe “Eurozone” de Chévere, un espectáculo sobre a crise da zona euro que conseguiu xa un grande éxito de público nas súas representacións no país e moi boas críticas na estadía en Madrid. Parte como triunfadora para os XVIII Premios María Casares que se entregarán no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a quinta feira 27 de marzo, data na que se conmemora do Día Mundial do Teatro. 

Mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria para Arantza Villar, Mónica García e Patricia de Lorenzo, mellor actor secundario para Manuel Cortés e Iván Marcos, mellor dirección e mellor espectáculo son as opcións que “Eurozone” ten para o 27 de marzo, festa para a que foron seleccionados 11 espectáculos dos 26 que presentaran candidatura. 

Catro optan a mellor espectáculo

“O home almofada”, de ilMaquinario Teatro compite por 6 galardóns e “Bye, Bye Honey”, de Obras Públicas e Abrapalabra e “As do peixe” de Abrapalabra teñen opción a trunfar en 5 das categorías. “Waltz”, de Voadora, conta con 4 nominacións, “A charca inútil”, de Teatro do Atlántico, 3 e con aspiracións a un dos premios María Casares quedan as montaxes “C'est la vie”, de Matrioshka Teatro;  “BailadElas”, de Teatro Antroido; “Criaturas”, de Teatro do Aquí; “As mil vidas de Matías Housamen”, de Teatro de Adro, e “Gaivotas subterráneas”, de RTA-Voz Audiovisual-Talía Teatro.  

A listaxe de nomeados a mellor espectáculo está composta por “Eurozone” de Chévere, “As do peixe”, de Abrapalabra Creacións Escénicas, “Bye bye Honey” de Obras Públicas e Abrapalabra e “O home Almofada “i lMaquinario Teatro. Optan á mellor dirección Xron por “Eurozone”, Tito Asorey por “O home almofada” e Cristina Domínguez por “As do peixe”. Na páxina da AAAG pódese consultar o conxunto das candidaturas.

Comentarios