CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Europe: War of Kings

Xa está aquí “War of kings”, o moi agardado novo disco dos suecos Europe. 

EuropeWOKpromogal3

Seguramente moita xente non volvera escoitar Europe após do mítico “The Final Countdown” de 1986 e moitos pensarán que se separaran. Nada máis lonxe da realidade, xa que a pesar do parón da banda en 1992 e unha pequena reunión en 1999, no ano 2003 retomaron a súa actividade musical coa volta do seu guitarrista orixinal John Norum.

O camiño da banda foi evoluíndo dende o heavy metal e o hard rock que amosaban nos seus primeiros traballos até o blues rock. Neste “War of Kings”, contan por primeira vez coa produción de Dave Cobb e pode que sexa iso, xunto con unha clara madurez compositiva da banda o que nos faga lembrar neste disco aos grandes no rock setenteiro como Led Zeppelin, Deep Purple, Black Sabbath ou o propio Hendrix. 

O disco abre con “War of Kings”, que foi elixido pola banda como single. Un téma épico de bases contundentes mais que non é un tema que entre de primeiras e que tampouco fai imaxinar a viaxe retro que imos facer no álbum e que xa comeza con “Hole on my pocket” onde aparece claramente o son Purple, máis marcado aínda polo Hammond e tamén pola voz de Joey Tempest que por momentos parécese máis á de Guillian. En “Second Day” pisan o freo e presentan un tema algo máis pausado pero coidado nos seus detalles e un dos  retrousos máis elaborados  de todo o disco que contrasta con “Praise You”, un tema cunha total alma de blues.

É un disco correcto para viaxar no tempo que por momentos pode chegar a ser monótono no que a banda sueca fai unha clara homenaxe a Deep Purple e Led Zeppelin

“Nothin' To Ya” e “California 405” seguen sendo máis do mesmo, temas correctos que terían sido sorprendentes hai 30 anos pero que comezan a facer a escoita do disco algo lineal e aburrida até chegar a “Days Of Rock and Roll” o tema máis melódico e comercial do disco, pero tamén o tema máis directo.  “Children Of The Mind” é un espellismo dos Europe máis oitenteiros, tanto en composición como na estrutura dos solos (de teclas e cordas) e nos xogos vogais. Nada que ver con “Rainbow Bridge”, que leva uns riffs de aire étnico arábico que sorprenden tanto na primeira escoita como aburren nas seguintes. 

“Angels (With Broken Hearts)” é unha balada que sen dúbida pode ser cualificada como o mellor do disco e que segue na liña Purple. Un tema que sen dúbida pasará a converterse nun clásico e que deixa o listón moi alto para “Light It Up”, tema que pecha o disco a máis puro estilo Hendrix que deixa bo sabor de boca e fai esquecer os temas de recheo. 

“War of kings” é un disco correcto para viaxar no tempo que por momentos pode chegar a ser monótono no que a banda sueca fai unha clara homenaxe a Deep Purple e Led Zeppelin mais sen perder a esencia desta segunda etapa da banda. Se pensas atopar os Europe dos 80, este non é o teu disco, mais se o que queres é rock retro e blues rock, podes pasar un bo tempo coa súa escoita.
     

Video: Europe – War of Kings


    

Listaxe de temas

01. War Of Kings
02. Hole In My Pocket
03. Second Day
04. Praise You
05. Nothin’ To Ya
06. California 405
07. Days Of Rock n Roll
08. Children Of The Mind
09. Rainbow Bridge
10. Angels (With Broken Hearts)
11. Light It Up

Europe na rede
Web: www.europetheband.com
Facebook: www.facebook.com/europetheband
Twitter:@europetheband

Comentarios