A 36ª edición de Cineuropa exhibe 126 películas de 30 países

Europa a 24 fotogramas por segundo

Racismo, inmigración, 'celebrities', loita obreira, o peso do pasado e as incertezas do futuro. De todo iso falan os filmes que se proxectarán na 36ª edición de Cineuropa, que ofrece unha radiografía do mellor cinema europeo realizado no último ano e que neste 2022 premia Lois Patiño.
Fotograma de '10 de marzo', de Roi Cagiao, que reconstrúe a loita obreira de marzo de 1972 na Galiza.
photo_camera Fotograma de '10 de marzo', de Roi Cagiao, que reconstrúe a loita obreira de marzo de 1972 na Galiza.

Desde os seus inicios, Cineuropa é sinónimo de ambiente festivo en Santiago, e a edición deste ano quere subliñar esa atmosfera de celebración. Desde o 4 até o 20 de novembro, o festival compostelán exhibirá 126 filmes de 30 países, repartidos en cinco seccións oficiais e sete paralelas, que escolman o cinema programado nos festivais internacionais e que quere celebrar "a marabillosa sensación de gozar do cinema na gran pantalla". 

Esa marabillosa sensación, probabelmente, é a que se deriva  do ciclo "Cancións para despois dunha guerra", unha homenaxe ao cine musical composto de 23 películas que abranguen desde os clásicos da idade dourada de Hollywood como Vincent Minelli, Genne Kelly ou Stanley Donen, até as reformulacións do xénero rodadas nas décadas de 1960 e 1970: Camelot de Joshua Logan, O violinista no tellado, de Norman Jewison, ou as imprescindíbeis All that Jazz, de Bob Fosse, e New York, New York, de Martin Scorsese. 

Un beau matin (Unha bonita mañá), da francesa Mia Hansen-Løve, abrirá a vindeira sexta feira o festival e a Sección Oficial de Cinema Europeo, que conta con títulos asinados por cineastas recoñecidos como Jerzy Skolimowski, Cristian Mungiu,  Ulrich Seidl ou Ruben Östlund e con pequenas xoias menos populares como as do portugués Marco Martins ou o islandés Hlynur Pálmason. 

Ademais, Cineuropa consolídase como festival competitivo na sección Novas/os Cineastas, que exhibirá once longametraxes entre as que destacan Saint Omer, da francesa Alice Diop, triunfadora na Mostra de Venecia, ou a sorprendente Beautiful Beings, do islandés Gudmundur Arnar Gudmundsson.

 

Cinema internacional

A sección Panorama Internacional presentará nove títulos de figuras de primeira liña como o coreano Park Chan-wook; o xaponés Koreeda; o iraniano Jafar Panahi, a arxentina Laura Citarella, a brasileira Júlia Murat ou o estadounidense Paul Schrader. Tamén dentro desta sección exhibirase El caso Padilla, do cubano Pavel Giroud, que descobre as imaxes inéditas da sesión celebrada na Habana na Unión de Escritores, en 1971, na que o poeta Heberto Padilla realizou a súa autoinculpación e deu lugar a unha intensa polémica na que intelectuais de todo o mundo debateron sobre o apoio á Revolución Cubana.

Memoria e reivindicación 

Na revisión do cinema galego más actual, Cineuropa fai un especial fincapé no tema da memoria histórica, tratado desde diferentes perspectivas en varios filmes. Tres películas de Aser Álvarez, por exemplo, tratan persoeiros como Xosé Velo, Xosé Luis Méndez Ferrín e Florencio Delgado Gurriarán. 10 de marzo, de Roi Cagiao, reconstrúe os sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol, onde a Policía Armada asasinou a tiros Amador Rey e Daniel Niebla e feriu unhas cen persoas cando solicitaban melloras no convenio de Bazán. Removendo a terra, de Antonio Caeiro, documenta a exhumación dos restos mortais atopados nas fosas comúns de Vilagarcía de Arousa e Crecente. 

Ademais, Os demos de barro, de Nuno Beato, encargarase de lembrar o bo momento polo que pasa o cine de animación galego, mentres que pezas como Anatomía dunha serea, de Adriana Páramo -sobre a obra teatral  de Iria Pinheiro-, ou os relatos de Agromantes, de Cora Peña, reivindican unha sanidade pública inclusiva e segura.

Premios Cineuropa 

Mais o cineasta galego con maior protagonismo nesta edición de Cineuropa será Lois Patiño, un dos referentes do Novo Cinema Galego, que recibirá o Premio Cineuropa e presentará,  o domingo 6, O sementador de estrelas,  película rodada en Toquio. 

Xunto con Patiño, Cineuropa premiará este ano o cineasta portugués João Pedro Rodrigues, autor de filmes tan persoais como O ornitólogo, A última vez que vi Macau ou Morrer como um homem. Rodrigues presentará no festival Fogo-fátuo, a súa última película. 

As actrices españolas Ana Belén e Charo López tamén serán premiadas polo festival, que proxectará El amor perjudica seriamente la salud, de Manuel Gómez Pereira, interpretada pola primeira, e Secretos del corazón, de Montxo Armendáriz, protagonizada pola segunda.

Comentarios