Euloxio Ruibal: “Era difícil e admirable que un grupo estrease unha obra”.

Euloxio Rodríguez Ruibal coñeceu a Roberto Vidal Bolaño a través do cine, e despois, do teatro. Cóntanos como foi a súa relación en tempos difíciles para todo o que fose estímulo do pensamento: arte, cine, teatro ou literatura.

Euloxio R. Ruibal
photo_camera Euloxio R. Ruibal

Como foi o seu contacto con Roberto Vidal Bolaño? Comezou polo cine, non si?

O Equipo Lupa creouse empezando os 70. Faciamos moito traballo de recolla etnográfica, de antropoloxía... Quixemos facer o primeiro filme de ficción, despois dun documental sobre a arte galega a través das serigrafías (Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane), e vinme na necesidade de ter un axudante. Foi cando souben, a través dun correspondente de El Ideal Gallego, Benxamín Vázquez, de Roberto, que facía recomendacións de cine nas súas páxinas. Fun até Daviña, que era onde el traballaba, e comezou a nosa colaboración.

E do cine ao teatro... Despois esa colaboración continuou cos premios Abrente, as primeiras mostras de Ribadavia...

Nós tiñamos certa preocupación pola recolla de manifestacións etnográficas, parateatrais. Pero á hora de facer curtas de ficción, pasábamos por moitas dificultades económicas, e foi como fundamos Obradoiro, un grupo de teatro para interpretalas. . Así naceu Antroido, seguindo nesa liña de investigación antropolóxica do parateatral (os peliqueiros de Laza, as procesións...). Eu escribira O cabodano, pero non pasou a primeira censura (a de texto: daquela primeiro censuraban o texto e despois o espectáculo). Entón tentamos unha farsa dun autor anónimo francés, da que eu fixera unha versión libre [a Farce de maître Pathélin, da que saíu As falcatrúas do Marqués Patacón, estreada en maio do 76].

"Roberto e máis eu buscamos sempre teatro con dimensión ética, espectadores activos, e espectáculos críticos"

Non houbo moita máis colaboración con Antroido, xa que despois eu aparteime do teatro, e ocupeime coa galería de arte Citania. Eles, mentres, tentaron a profesionalización, e eu dicíalles: “Que valentes sodes! Vivir do teatro!”. O que son as cousas, despois, á volta do tempo, Roberto quixo montar O cabodano, e eu cedéralle os dereitos a Vieites, pero non me puiden negar. E non chegou a vela estreada: a obra estreouse en Narón, con Susana Dans no papel principal [por Teatro do Aquí, con dirección de Rubén Ruibal, no ano 2002].

Que significaba escribir teatro naqueles tempos, comezando os 70?

Significaba saber que ía haber incomprensións, que ían haber dificultades para a estrea e para a publicación.

E como fixeron para crear público? Ten dito que o público non se capta, senón que se crea.

Ao público primeiro hai que atraelo, e despois mantelo. Eu centreime na escrita, pero admiro moito o traballo ao ver que un grupo consegue estrear unha obra, ao ver que se está facendo un esforzo incrible. Esixe traballar en solitario moitas veces, pero tamén en equipo. Na nosa formación, a de Roberto e a miña, influíron moitas cousas que nos fixeron pensar o teatro como algo dinámico: discutimos moito sobre Brecht, coñecemos Marat-Sade, de Peter Weiss, a través dunha montaxe de Marsillach, vimos Yerma, con Nuria Espert... Despois encargármonos tamén da programación da Caixa de Aforros, buscando sempre teatro con esa dimensión ética, espectadores activos, e espectáculos críticos.