EUA denegou a Oliver Laxe autorización para estar en Nova York na presentación de 'O que Arde'

O motivo da denegación do ESTA (autorización electrónica para viaxar a ese país) é unha estadía do cineasta galego en Irán en 2016.

oliver laxe
photo_camera oliver laxe

Oliver Laxe non puido estar en Nova York para presentar O que arde (Fire will come), na 57 edición do prestixioso New York Film Festival (NYFF), que se celebra estes días. Estados Unidos respondeu negativamente á solicitude do cineasta para obter a ESTA (autorización electrónica para viaxar a ese país) por mor dunha estadía de Laxe en Irán. Unha negativa que se fundamenta nunha norma da administración norteamericana que denega ou dificulta a entrada ás persoas que desde 2011 estivesen en países como Irán, Libia ou Sudán, que fan parte dunha 'Lista negra' de EUA. O cineasta galego estivera en Irán en 2016.

O propio Laxe confirmou a Sermos Galiza esa denegación mais quixo tirarllle ferro: “Fun a EUA hai dous anos, despois de estar en Irán e non tiven problemas”, explica o cineasta, que naquela viaxe a EUA tramitara o proceso a través da embaixada. Desta volta, solicitou a ESTA a noite anterior a coller o voo para estar en Nova York, séndolle denegada. Foi coa presidencia de Barack Obama que se estabeleceu que as persoas que quixesen entrar en EUA debían informar se desde 1 de xaneiro de 2011 se viaxara a países como Libia, Siria, Sudán ou Irán. Donald Trump decidiu ir máis alá e establecer restricións máis fortes. Así, se se viaxou a algún deses estados xa non vale para entrar en Estados Unidos a ESTA (autorización electrónica para viaxar alí), senón que hai que tramitar un visado.

“Fun a EUA hai dous anos, despois de estar en Irán e non tiven problemas”

“Non lle dou moita importancia”, apunta o cineasta a respecto do sucedido. Coa voráxine destes días - presentacións do filme, entrevistas e todo o relacionado coa promoción de O que Arde - non foi até o último momento que puido solicitar a autorización para estar en EUA, e non pensaba que poidese haber algún problema. Considera inxusto que se negue autorización a unha persoa simplemente por estar nun país como Irán, Sudán ou Iraq. “É unha mágoa non poder estar na presentación do filme nun festival tan importante como o de Nova York e nun mercado tan importante como o de EUA”, indica, ao tempo que tira de visión positiva para engadir que non poder ir a Estados Unidos “permíteme estar uns días máis por Galiza”.

A estrea do filme no NYFF, na noite desta sexta feira pasada, tivo unha boa recepción, segundo manifesta Laxe que lle transmitiron desde a organización do propio festival

Esta política da administración norteamericana ten afectado numerosas persoas que querían viaxar a Estados Unidos. Unha delas, Javier Solana. Quen fora ministro de Defensa español e secretario xeral da OTAN veu como lle denegaban en xuño de 2018 a ESTA por ter viaxadoanteriormente  a Irán.

Comentarios