“Eu son Rosalía”, a nova proposta da AELG para o 24 de febreiro

De cara á conmemoración do 24 de febreiro, aniversario do seu nacemento, a AELG propón a iniciativa “Eu son Rosalía”, vídeos para se poñer na pel da poeta. 

Rosalía de Castro no cartel do acto de Pontevedra

“Eu son Rosalía porque/cando/para…”, así comezarán as frases que, gravadas en vídeo, participen da nova proposta da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) para conmemorar o 24 de febreiro, data do nacemento de Rosalía de Castro. 

A AELG convida a centros escolares, institucións, asociacións, persoas do mundo da cultura e particulares a se sumaren á iniciativa e contribúan a sumar enerxía nesta iniciativa que buscará a identificación coas “múltiples sensibilidades” da autora. Piden que os escenarios da gravación sexan da vida cotiá, de maneira especial, os ámbitos laborais en relación coa poesía rosaliana. As propostas recibidas serán difundidas a través da web da AELG ademais de nas redes sociais, de maneira especial, no propio día 24. O enderezo electrónico ao que enviar as ligazóns é [email protected]

Por quinto ano consecutivo a AELG conmemora o nacemento da autora no Día de Rosalía de Castro, data na que, máis unha vez, propoñen o agasallo dun libro en galego e unha flor. Máis de trinta concellos ademais das Deputacións da Coruña e Lugo sumáronse á declaración oficial do 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. O domingo día 22 de febreiro, a AELG organizará o acto central da conmemoración no Panteón de Galegos Ilustres. 

Comentarios