ANTÓN LAMAZARES, PINTOR

"Eu son un rapaz de aldea que tiven que saír da miña terra para loitar"

Antón Lamazares (Lalín, 1954) inagura esta tardiña na Cidade da Cultura a mostra 'Flor Novoneyra' na que homenaxea ao que el considera o mellor poeta galego do século XX, Uxío Novoneyra. Son máis de cen pezas inéditas realizadas nos dous últimos anos nas que fusiona a súa pintura cunha selección de versos do poeta traducidos ao código persoal do pintor, o Alfabeto Delfín.

lamazares
photo_camera Antón Lamazares

Lamazares convida a ver a súa nova mostra "cos ollos". "A pintura non se ve nas palabras, non se ve nos libros. É unha linguaxe persoal que inventou a humanidade, unha maneira de falar do mundo que se fai co ollo e coa materia. Iso é a pintura, é unha linguaxe eterna e agora, curiosamente, parece que é unha cousa antiga". 

- Os artistas contemporáneos parece que cada vez a abandonan máis. 
- Ai, non sei a que chamades artistas, eu considérome pintor. Artista é aquela persoa, faga o que faga, sexa barrendeiro, científico ou cura, se fai o seu traballo ben é un artista. Eu son un pintor. Procuro facer as cousas ben, pero non é fácil. 

Eu canto a Galiza do monte, como Novoneyra

- Dis que esta mostra, 'Flor Novoneyra', é o teu testamento pictórico. Por que?
- É unha maneira de dicir que algo me interesa, que fixen ese traballo cun interese superior. Logo veremos se é un testamento ou non. Quere dicir que eu teño un interese máximo neste traballo que fixen en homenaxe a Novoneyra que fixen con todo o meu corazón. 

- Son máis dun cento de pezas inéditas feitas nos dous últimos anos. É vostede un autor moi prolífico. 
- Son exactamente 181 pezas mais debuxos, obra preparatoria... Pero o que amoso na exposición son 69 pezas en homenaxe aos 69 anos nos que tivemos a Uxío con nós. 

lamazares2

- Na expo fusionas a túa pintura cunha selección de versos de Novoneyra traducidos ao Alfabeto Delfín. Que código é este?
- Eu son un pintor que invento un alfabeto para facer pintura coa palabra, xa levo traballando con este código cinco anos. Eu fago pintura utilizando o meu alfabeto, neste caso co gran poeta do século XX en Galiza e gran poeta universal que é Uxío Novoneyra.

- Teño lido que mesmo quixeches ser poeta e a poesía é sen dúbida importante na túa pintura.
- Eu desde sempre estiven preto da poesía. A poesía é de moitas artes e en todas elas se non hai poesía detrás, non vai a ningún lado. Hai unha corrente na arte contemporánea que defende que a poesía está detrás. Eu defendo ese concepto e Miró e moita xente defende ese concepto.

- Son obras creadas nos dous últimos anos en Madrid...
- Fixen este traballo desde o outono de 2015 até a primavera deste 2017, pero todo isto vén desde moi lonxe, da miña admiración por Novoneyra, desde que tiña 15 anos e lin 'Os eidos'. Eu son da aldea, e é un canto á aldea do interior. Hai moitas Galizas, e hai unha do interior, do monte. E eu canto a Galiza do monte, como Novoneyra. É unha homenaxe á Galiza do monte. Eu non son francés, eu son do monte. 

Eu non sei o que son. Eu o único que sei é que na pintura trato todos os días de dar un paso adiante

- Desde o comezo da súa carreira desenvolveuna en cidades europeas. Viviu en Barcelona, París, Madrid, Berlín... como influíu isto na súa obra?
- Como vai influír? Eu son un rapaz de aldea que tiven que saír da miña terra para loitar. Isto influíu de todas as maneiras posibles. Eu por riba de todo son dunha aldea onde non había luz eléctrica nin auga corrente nin concentración parcelaria. É un canto á miña infancia, á Galiza da aldea, esa Galiza que se acaba. Ese é o asunto do que vai a mostra. É o corazón da poesía de Novoneyra, e tamén é o corazón do meu traballo. 

- Es probablemente o artista plástico galego con máis proxección internacional, aínda que tampouco sorprende porque xa fuches recoñecido e te dedicaches profesionalmente á arte desde moi cedo. 
- Eu non sei o que son. Eu o único que sei é que na pintura trato todos os días de dar un paso adiante. E neste momento quixen facer unha homenaxe ao gran poeta de Galiza, un home que a súa poesía forma parte da construción do noso país. Da construción poética e artística, que é o que a min me interesa. 

- Levas vivindo fóra nas últimas décadas. Segues o que pasa en Galiza a nivel artístico? A crise pegou forte no sector, está xa a saír do túnel?
- Eu vivo fóra e vivo dentro. Non sei de que túnel me falas, porque túneles hai por todas partes. Este túnel ten que ver coa alma humana e paréceme que hai que atender a cultura, que temos que traballar, que temos que facer as cousas mellor e que os problemas soluciónanse traballando e mirando para adiante. No campo da cultura hai que ser imaxinativos, creativos. Iso é o importante. 

Comentarios