CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Eu, el e Raquel', cinema indie atípico

Greg (Thomas Mann) pasa o último ano de instituto evitando toda relación social mentres pasa o tempo libre a realizar películas amateur co seu único amigo Earl (RJ Cyler). O seu mundo de invisibilidade cambia por completo cando a súa nai obrígalle a pasar tempo con Rachel (Olivia Cooke), unha compañeira de clase que ten leucemia.

me-earl-dying-girl

Eu, el e Raquel, é dicir 'Eu, Earl e a moza moribunda' se nos atemos ao título orixinal, é a película independente do ano segundo ditou o xurado da pasada edición do Festival de Sundance, escaparate por antonomasia da onda indie. De feito, como se dun draft da NBA se tratara, foi adquirida pola Fox pola maior cantidade que se pagou nunca por un filme exhibido en Sundance: 12 millóns de dólares. E dubido moito que sexa a última vez que leva algún premio...

Estamos ante un filme indie certamente atípico xa que tenta fuxir de todos os tópicos que acompañan desde hai anos ao xénero. Para empezar nada de colores pastel ou raios de sol a contraluz mentres o protagonista camiña sen rumbo por unha campiña solitaria. Tampouco teremos que aturar un abuso inxustificado do recurso de cámara en man... Máis ben predomina unha notable planificación de cámara e unha dirección firme con trávellings certamente interesantes e un enfoque de plano tratando de ser o máis narrativo posíbel, cortesía da excelente dirección de fotografía do coreano Chung Chung-hoon (Oldboy, Stoker). Tamén se afasta dos clixés indies en que pasa moito da música ambient e dos grupos anti-mainstream. Por contra decántase por unha banda sonora encabezada polo recoñecido compositor e produtor musical Brian Eno que comparte créditos cunha nova promesa da música clásica chamada Nico Muhly, un xoven que tanto pode colaborar coa inclasificábel Björk como co virtuoso Philip Glass.

Banda sonora que conta cunha coidada selección musical que abrangue desde o clasicismo de Vivaldi, Bach ou Richard Wagner, pasando por grandes figuras da canción como Lou Reed, Cat Stevens ou Roy Orbison, e outros grandes compositores de cinema, como Ennio Morricone (A morte tiña un prezo) ou Bernard Herrmann (Vertixe). Estas alusións musicais a recoñecidos filmes ven a conto porque parte do leitmotiv do filme xira entorno a unha chea de versións amateur de filmes clásicos. A cabeza pensante destas adaptacións cinematográficas é Greg (Thomas Mann), tamén voz en off do filme, un rapaz tímido, cinéfilo, algo distante e un pouco pagafantas. Ao que lle gusta pasar desapercibido no seu mundo e entra en estado de ansiedade só de pensar que pronto vai ter que dar o inevitábel paso de futuro: elixir unha Universidade; un sitio onde non lle quedará outra que socializar, cousa que odia... Comparte cinefilia co seu colaborador, desde cativos, Earl (RJ Cyler). Xuntos fan divertidas versións de películas ás que lle cambian o nome adaptándoas ao (nulo) presuposto que dispoñen; algo así como as “suecadas” de Rebobine por favor (2008, Michel Gondry). Excelente cinefilia e moita orixinalidade. Nas súas apracibles vidas de xente invisíbel aparece Rachel (Olivia Cooke), unha moza do instituto que acaban de detectarlle leucemia. O norteamericano, de ascendencia vasco-mexicana, Alfonso Gómez-Rejón presenta unha fita arredor desta terríbel enfermidade abordando o tema de cara a cara, sen sentimentalismos e con moito sentido do humor. A enferma non busca autocompaixón, senón compañía e bos momentos que lle levanten o ánimo ante tan traumática enfermidade; sobre todo para unha adolescente á que se lle cae o mundo encima cando queda calva pola quimioterapia. Por certo, que nada de próteses de pel ou maquillaxe: Olivia Cooke rapou o pelo e está verdadeiramente convincente. Eu, El e Raquel é unha película sobre a amizade, o futuro, as inquedanzas adolescentes e, claro, a enfermidade terminal. Logra incluso tocar o tema da eutanasia e mirar á morte de fronte e sen tapuzos. Mais que non renda o pánico, que como di Greg nunha das veces que traspasa a cuarta parede: “non se preocupen porque unha moza tan doce é imposíbel que morra, así que queden tranquilos e sigan vendo a película porque vaise curar ao final”...

Me, Earl and the Dying Girl

(Estados Unidos 2015, 105 min.)

Dirección: Alfonso Gómez-Rejón

Guión: Jesse Andrews

Fotografía: Chung Chung-hoon

Música: Brian Eno e Nico Muhly

Elenco: Thomas Mann, Olivia Cooke, RJ Cyler, Nick Offerman, Molly Shannon, Connie Britton, Jon Bernthal, Katherine Hughes, Chelsea Zhang, Hugh Jackman

Comentarios