Yolanda Castaño

“Eu quero baixar a poesía das torres de marfil e contaminala de vida e de mundo”

A escritora Yolanda Castaño (Compostela, 1977) inaugura o “cómic poético” para a literatura galega. E é que o diálogo entre poesía e banda deseñada era inédito na Galiza. Cóntanos a xénese de O puño e a letra (Xerais) nunha entrevista. Eis un extracto da conversa, publicada no número 323 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Uxía Castro] Yolanda Castaño
photo_camera [Imaxe: Uxía Castro] Yolanda Castaño

7Corenta poemas virados a banda deseñada por corenta debuxantes diferentes conforman O puño e a letra (Xerais, 2018), o volume antolóxico co que a poeta Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) quixo celebrar 40 anos de idade, a inminencia de 25 publicando poesía, e inaugura un novo territorio para as letras galegas: o cómic poético. Non é a súa única novidade bibliográfica. Castaño, unha das autoras con maior repercusión internacional da literatura de Galiza, acaba de publicar en Italia o libro disco Lingua del'inchiostro (Squilibri, 2018) canda o guitarrista Isaac Garabatos. “Gústame explorar novos camiños, e a experimentación sempre me resulta estimulante”, afirma a xeito de resumo.

Como nace a idea de O puño e a letra?

Podo viaxar fóra coa miña poesía e iso sempre é refrescante. Ábreste e coñeces de primeira man prácticas poéticas últimas noutros territorios. Unha desas saídas foi a Italia. Que, sendo un país no social e no político bastante conservador, no creativo anda bastante na vangarda. Teñen moita máis tradición que nós no que respecta a poesía e música, spoken word ou poesía sonora. Da man dun amigo moi querido, Lello Voce, un dos personaxes da contracultura italiana, coñecín o comic poetry.

Orixe italiana, daquela.

Non só. Despois en Gales, a onde viaxei a través dun intercambio do programa Literature Across Frontiers –unha plataforma europea para a promoción das linguas non hexemónicas–, coñecín a Nicky Arscott, unha autora de cómic poético. Ela é poeta, debuxante, e fai un traballo excelente. Abriume as portas a outra autoras, curiosamente mulleres na súa maioría. Por exemplo, a Bianca Stone, unha das referencias da modalidade nos Estados Unidos.

Ningunha cousa en territorios próximos?

Comecei a pescudar no que había na Península Ibérica e basicamente atopei un nome. Tamén feminino. Laura Pérez Vernetti. Recentemente foi Gran Premio do Salón do Cómic de Barcelona. É unha muller nacida en Barcelona nos anos 50 e que comezou traballando cun poeta pouco coñecido. Despois fixo un cómic poético con textos de Maiakovski. Máis adiante, con poemas de Luis Alberto de Cuenca, de Miriam Reyes, de diferentes autores españois contemporáneos. Non atopei nada en portugués nin noutras linguas do Estado. Un pouco máis tarde, Fran Alonso [escritor e director de Xerais], gran coñecedor do cómic, contrastouno. E non hai nada na nosa tradición literaria. Eu xestei a idea de O puño e a letra durante o ano pasado, cando fixen 40 anos. Ademais, estou a piques de facer 25 publicando poesía e apetecíame celebrar un pouco a aventura poética. Por que non facelo cunha antoloxía de textos meus, un percorrido polos meus seis poemarios? Ademais, o último tampouco tivo unha moi boa distribución [A segunda lingua, colección Arte de Trobar, 2014]. Montei unha antoloxía persoal dos textos que atopaba máis acaídos pero tamén representativos. Propúxenllelos a 40 das artistas máis significativas da banda deseñada galega para que os interpretasen en viñetas.

O cómic poético non era practicado polos poetas pero tampouco polos debuxantes. Como acolleron estes a idea? Houbo reticencias?

[Ri] Non, reticencias non, pero de feito un bo número deles confesaron que non eran lectores de poesía. Do que se tratou foi de contaxiarlles este reto como un estímulo creativo, como un desafío do que agardabamos namorasen. Que lles resultase tan creativamente estimulante como para apetecerlles explorar eses novos carreiros dentro do seu traballo. Cando un creador ou unha creadora é honesta consigo mesma non adoita responder demasiado mal aos retos que se lle propoñan. Os esquemas, obviamente, mudaban. Neste caso non había personaxes, nin unha historia de tipo narrativo, nin un percurso. As debuxantes tiñan que camiñar máis polas sendas do simbólico, da impresión, da emoción...

[Podes ler a entrevista íntegra no número 323 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios