martes 30/11/21
JOSÉ LUIS LOSA, DIRECTOR DO FESTIVAL COMPOSTELÁN

“Cineuropa contribuíu a educar a xente nun gusto diferente ao 'mainstream'”

É a 'alma mater' de Cineuropa, a vontade detrás dun festival que vén de cumprir 30 anos enchendo os corazóns cinéfilos de varias xeracións de compostelanitas que se educaron cinematograficamente nas colas e nas pantallas do novembro santiagués. É José Luis Losa.

jllosa
Jose Luis Losa [Imaxe: Real Filharmonía de Galicia]

- Trinta anos son moitos. Cando miras atrás, que ves?
- A verdade é que miro atrás e non vexo unicamente cine, vexo o paso do tempo que, inevitablemente, leva asociadas moitas cousas. Cando Cineuropa naceu o Muro de Berlín aínda existía, tamén a Guerra Fría, non era a Fin da Historia. E todo isto afecta inevitablemente ao cinema, a como un ve o cine, a como os directores se plantexaban o mundo e a sociedade. E un sinte 'horror vacui' cando mira cara atrás. 

- Como eran as vangardas do cinema hai 30 anos e como son hoxe?
- Eu, que sempre teño certo prexuízo co concepto de vangarda, creo que algunhas vangardas rematan por solidificarse, por ter pouso e xerar unha arte imperecedeira e outras son efémeras. Eu lembro cando Cineuropa comezou, había cineastas como Peter Greenaway, que era como o máis alternativo e agora foi sobrepasado. En cambio había autores que daquela comezaban, como José Luis Guerín, e hoxe segue aí. O importante da vangarda é o que ten de realidade detrás. Hai vangardas que se reafirman e outras que se difuminan. 

Houbo moitas xeracións que habitaron en Santiago que de forma indefectible a súa educación sentimental cinéfila veu da man de Cineuropa.

- De que estás máis orgulloso das apostas que fixo Cineuropa a este nivel nestes 30 anos?
- Nós facemos apostas por autores que son xenerosos co Festival, como Oliver Laxe, cando comezaba coas súas curtametraxes, que xa foran premiadas en festivais. E obtivo un premio en Cannes, e démoslle o Premio Cineuropa, e agora regresa este ano cun premio máis importante aínda. E a carón desta persoa tan nova, penso en Manuel de Oliveira, un dos grandes 'cineurgos' do século XX, que criamos que estabamos nun dos seus últimos 'hurra', porque veu con 95 anos, e aínda a guerra que deu! Teño recordos memorables da súa estancia en Cineuropa. 

- O éxito de Cineuropa tamén explica moitos outros acontecementos posteriores: desde ver nacer outros moitos festivais galegos até a creación nunha cidade tan pequena dunha sala independente como a Numax que non podería existir sen o público creado por este festival. 
- Que o diga eu pode soar vaidoso, pero evidentemente un festival que dura 30 anos, houbo moitas xeracións que habitaron en Santiago que de forma indefectible a súa educación sentimental cinéfila veu da man de Cineuropa. Son 30 anos e dalgunha maneira, aínda que a min me dá moito medo isto da pedagoxía, porque me soa a evanxelización, si o festival contribuiu a educar o gusto da xente nun gusto diferente ao cine 'mainstream' de flocos de millo. 

Eu non teño aspiracións de boato nin de glamour, creo que o importante é manter a liña de coherencia.  

- Neste sentido, Cineuropa sempre apoiou ao cineastas do Novo Cinema Galego. Supoño que houbo aí un certo apadriñamento...
- Eu non diría tanto. Porque en si xa soa paternalista e creo que sería como demasiado engreído pola nosa banda. En realidade foi a xenerosidade deles. Está Laxe, Ángel Santos, Lois Patiño, Alfonso Zarauza, Eloy Enciso... todos eles achegaron a Cineuropa máis do que Cineuropa lles deu a eles. Un festival pode ser unha plataforma nun momento dado, pero tanto como apadriñamento non. Eles son de seu pai e de súa nai e o seu talento perténcelles a eles. 

- Nesta trixésima edición está tamén o filme de Oliver Laxe na Sección Oficial. Cantas veces houbo unha fita galega nesta sección?
Pois paréceme que tres ou catro veces. Este ano hai dúas: a de Oliver e a de 'María y las demás', que aínda que ten unha directora catalana a produción é Frida Films, é galega e está rodada aquí. 

- Cales son os retos que ten Cineuropa de cara o futuro? Imaxina que non tes límites orzamentarios, que farías?
- Iso sería un soño. Hai que recoñecerlle o apoio ao Concello de Santiago, que foi fiel ao festival estes 30 anos. O orzamento é o que é, é un orzamento pequeno comparado cos grandes festivais, cos cales competimos. Están festivais como Sevilla ou Valladolid, non se me ocorre mentar a San Sebastián, claro, que ten un orzamento que nos multiplica por dez. Eu non teño aspiracións de boato nin de glamour. Chegamos á 30ª edición e non se nos ocorreu tirar a casa pola xanela. Eu creo que o importante é manter a liña de coherencia. O meu soño sería poder ver Cineuropa cumprindo 60 anos e que gozase da mesma saúde, cunha relación tan san co seu público, que implica que non hai ningún tipo de esnobismo co feito de acudir a Cineuropa, o que significa que é unha cousa moi normalizada de amor ao cineme e de empatía e de cariño ao festival. 

[O orzamento] Este ano é de 250.000 euros. É un esforzo importante para o Concello, pero pensa que outros que se celebran en datas similares teñen en torno aos dous millóns de euros.

- Que orzamento tedes?
Este ano é de 250.000 euros. É un esforzo importante para o Concello, pero pensa que outros que se celebran en datas similares teñen en torno aos dous millóns de euros.

- Sempre se lle acusou a Cineuropa de ser un festival máis para público que un festival internacional. Non sei se isto é un obxectivo para vós...
- Ben, Cineuropa é un festival internacional, polos filmes e polos cineastas que veñen. O que non é é un festival competitivo, o que ten as súas vantaxes: quítanos presión e permítenos programar con moita máis liberdade. Se fose competitivo os filmes da sección oficial terían que ser inéditos, polo menos no Estado. Por aí paréceme que ser competitivo cando un é tan modesto pode ter os seus problemas. Por outra banda, tamén hai alicientes nunha competición, é interesante que os filmes dialoguen. En Cineuropa hai un diálogo entre o público baixo os soportais se chove ou na rúa. E aí é onde se xulgan os filmes a coitelo. 

Podería soar un pouco demagóxico, pero somos o festival máis democrático porque a única voz que existe é a do público.

- E logo o público tamén vota. 
Claro. Podería soar un pouco demagóxico, pero somos o festival máis democrático porque a única voz que existe é a do público, e o premio do público. Que tamén é moi interesante ver os premios de cada ano. 

- Como imaxinas os vindeiros 30 anos?
- Gustaríame que seguise habendo espazo para o cinema de sentimentos e isto pasa porque exista un cine de orzamento medio. Eu soño con que siga habendo cauces para poder facer filmes deste tipo, independentes do discurso dominante, que é o americano. Hai modelos como o cine negro que se está a facer en España, que está mimetizando o modelo hollywodiense máis lamentable. Gustaríame que seguisen existindo estas zonas de liberdade no cinema para os cineastas que queiran expresarse con coraxe. 

Eu soño con que siga habendo cauces para poder facer filmes deste tipo, independentes do discurso dominante, que é o americano. Hai modelos como o cine negro que se está a facer en España, que está mimetizando o modelo hollywodiense máis lamentable.

- E, xa para rematar, cales dirías que son os puntos máis destacados desta 30ª edición?
- A sección oficial é a dos caramelos, é onde están os filmes que a xente estivo escoitando, que estiveron en Cannes e en Berlín. Está o caso de 'Nocturama', de Bertrand Bonello, que Cannes non se atreveu a estrear porque tocaba o tema do terrorismo. Acabouse estreando en Donostia, con diversidade de opinións, pero a min paréceme unha magnífica película. Como 'The Neon Demon', sobre o mundo da moda, moi controvertida. Ou 'Toni Erdmann', que a crítica elixiu como a mellor do ano. Isto en canto á sección oficial, pero tamén haberá filmes asiáticos marabillosos... Ben, hai moitas seccións e cada unha delas é unha aposta forte do festival... 
 

“Cineuropa contribuíu a educar a xente nun gusto diferente ao 'mainstream'”